O Entroido vigués arranca con música, cor e moita troula
O Entroido de Vigo xa está oficialmente inaugurado. O meco, que ten como protagonista a Feijoo e o transvase do Eiras, foi entronizado e reina no medio da Porta do Sol. A continuación, o grupo canario Efecto Pasillo puxo o ritmo á primeira de varias noites de troula.
O ánimo festivo comezou a sentirse a partir das oito da tarde na Porta de Sol, cando un grupo de animación tinguiu con ritmo e cor o ambiente. A continuación, tivo lugar a entronización do meco, que foi dirixida polo propio alcalde. O meco baixo o lema ‘pa verdugo eu’ representa a un Feijoo con machete dinamitando o transvase do Eiras. A figura presidirá a céntrica praza ata a súa queima, o martes noite.
O grupo canario Efecto Pasillo foi o encargado de continuar a noite de festa. Conseguiron animar ao público vigués tocando algúns dos temas que lle deron a fama como ‘No importa que llueva’ o ‘pan y mantequilla’.
A actuación de dúas orquestras as noites do sábado e o martes, varias actividades de animación infantil, o concurso de disfraces do Concello e o tradicional desfile de comparsas, que terá lugar o sábado pola tarde, completan a programación municipal, que rematará o día 14 co enterro da sardiña.
Sábado 10
A partir das 17:00 volverá a haber animación na rúa, ata as 18:00 que arrinca o desfile de comparsas desde o nó de Isaac Peral, percorrerán García Barbón e Policarpo Sanz para rematar na Porta do Sol. A medianoite neste mesmo lugar, actuará a Orquestra Israel.
Domingo 11
Pola mañá para queimar os excesos das festas, pequenos e maiores teñen unha cita co deporte. A carreira do Entroido con modalidades infantil, adulto e veterano, sae desde a Porta do Sol. Os máis pequenos correrán por Príncipe e os maiores completarán o percorrido por Elduayen, Paseo de Alfonso XII, rúa Pi y Margall, rúa López de Mora, Avenida das Camelias, rúa Romil, rúa Cachamuíña, Ronda de Don Bosco, rúa Progreso, rúa Doutor Cadaval e final novamente en Porta do Sol.
Pola tarde haberá contacontos para os nenos na Porta do Sol ás 17 horas, compaxinado coa animación de rúa neste entorno ata as 19 horas e unha chocolatada infantil ás 18 horas na Porta do Sol.
Luns 12
Celebrarase o Entroido Infantil no Concello de Vigo con obradoiros para os cativos e a actuación de Lolo Globotolo a partir das 17:00 horas. As 18:00 comezará o concurso de disfraces para os menores de 13 anos.
Martes 13
Na tarde do martes terá lugar o concurso de disfraces para maiores de 14 anos. Tamén haberá obradoiros infantís e a actuación clown de Bambolina na lonxa do Concello. Nesta xornada, haberá animación na rúa pola tarde e tamén pola noite para acompañar a queima do Meco, que será a partir das 23:00 horas na Porta do Sol. Despois, festa a cargo da Orquestra Compostela.
Mércores 14
Desde as 18 horas terán lugar as tradicionais exequias funerarias solemnes das comparsas, o acompañamento da comitiva, o sepelio do meco e os oficios laicos, xunto á resolución do concurso de comparsas.