REVISTA ABRIL

Eme DJ: “É un gremio moi asociado á troula, ás drogas e ao descontrol e non tanto á música e á cultura”

Ante imposibilidade de estar nunha cabina picando música, a reputada picadiscos monfortina Marta Fierro, máis coñecida como Eme DJ, aproveitou o tempo durante a pandemia para escribir o seu segundo libro: Cómo ser DJ (Bala Perdida Editorial). Falamos con ela para coñecer un pouco máis sobre este mundo tan achegado e á vez tan alleo. Preme aquí para mercar o libro.

Eme DJ | Foto: Juan Pérez-Fajardo

O currículum de Marta Fierro, musicalmente coñecida como Eme DJ, está ao alcance de moi poucos: mellor DJ nacional por Rockdelux varios anos (2010,2011 y 2014) e actuacións nos festivales máis importantes do estado, como o FIB Benicássim, Sónar, MTV Europe Music Awards, Arenal Sound, Sonorama, Son do Camiño ou SOS 4.8. Ademais de facer bailar á xente en salas e grandes eventos, nos últimos anos tamén destaca o seu labor didáctico sobre o mundo dos DJ: en 2015 publicaba Mamá quiero ser DJ, e agora vén con Cómo ser DJ baixo o brazo. “O primeiro é unha recopilación de experiencias que falan sobre a miña profesión, no que participan outros DJ, para que todo o mundo a entendese”, explica Marta.

Nese aspecto incide no gran descoñecemento que existe na sociedade sobre o mundo dos picadiscos: “Por iso son tan insistente á hora de dar a coñecer a miña profesión. É un gremio moi asociado á troula, ás drogas, ao descontrol e ao lecer e non tanto á música e á cultura, que para min é o principal”, comenta a monfortina, que resumiría o seu labor en “compartir música e crear un ambiente para animar a outras persoas a que o pasen ben”. Neste aspecto, Cómo ser DJ funciona máis como un manual que como un diario, no que Marta explica con detalle todos os pasos e consellos a seguir para iniciarse e mellorar no mundo dos “artesáns do sonoro”, como di ela. O sentido do humor e a paixón pola música, sempre utilizando un estilo ameno e sinxelo de comprender, bañan o total dunha obra clave para todo aquel que queira dominar esta profesión.

REVISTA ABRIL

Ademais de escribir este libro, Marta aproveitou a pandemia para iniciarse en Twitch, a plataforma online que permite retransmitir vídeos en directo. Alí realizaba as súas sesións e compartía a súa música nun espazo do que ao principio era reticente, mais acabou sendo unha sorte de terapia nuns tempos tan duros: “Fixen unha pequena comunidade en Twitch, mesmo arrastrei a moita xente que estaba alí máis ben polos videoxogos”, apunta. Actualmente a cousa está máis parada, como é lóxico, e por fortuna Eme DJ pode prodigarse máis nas súas actuacións en directo.

E da pequena pantalla pasamos á grande, xa que este mércores 10 estreouse no Festival de Sevilla Miedo al miedo, un documental dirixido por Menchu Esteban e protagonizado por Marta. Nel, ademais de vivir en primeira persoa a profesión de disc-jockey, coñecemos máis en profundidade á persoa que se agocha tras Eme DJ: “Eu sufrín depresión durante varios anos, e o documental vai sobre iso. Como convivo coa depresión a os ataques de ansiedade no meu traballo”, comenta. Actualmente estase a emitir en La Sexta unha serie titulada No es depre, es depresión, na que Eme tamén participa contando de primeira man a súa experiencia e axudando a visibilizar esta enfermidade mental: “Non quero que se me asocie como alguén débil despois de pasar por todo iso. Custoume moito verme no documental, impresionoume verme tan mal e tan triste”, finaliza.

Para pechar a conversa, e malia a vivir en Madrid desde hai anos, Marta está moi pendente da escena musical galega. O seu último sinxelo é un remix de ‘Como Son Goku’ de Verto, e segue moi de cerca a artistas como Baiuca, Familia Caamagno, Triángulo de Amor Bizarro, Novedades Carminha, Mundo Prestigio, Bala ou Agoraphobia.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.