VIALIA
PLAYDOC

Escritoras noveis. Habelas, hainas

Era unha vez, no ano 2019, unha cidade ecléctica, industrial, xermolo de cultura underground, rodeada por sete outeiros e marcada pola torre do seu concello, na que existían seres con soños, con inquedanzas literarias e cunha grandísima determinación. Era que, para estas persoas, a industria literaria se convertía nunha sorte de escenario de Battle Royale, onde cada unha debía descubrir por si mesma os recursos a explotar, evitar as trampas e enfrontarse ás dificultades do camiño sen guía, sen mapa, sen compás e case sen sustento. Había espellismos: quen debería ser aliado, convertías en inimigo. Por suposto, o azar, coma en calquera outra faceta da vida, xogaba un papel importantísimo, producindo encontros fortuítos e coalicións para facer máis asumible a supervivencia do soñado. Así é o mundo da autoría novel na escrita.

Dúas das almas que entran neste xogo e saíndo vitoriosas, con cadansúa obra publicada, son Ana Ghersi Fenor e Yésica Prol Cid. Asiduas do café De catro a catro, onde teñen lugar moitas das actividades da súa Asociación de Escritores de Vigo «Haberlos, haylos». Considéranse «un grupo de persoas apaixonadas pola arte de escribir». Coma se fose un refuxio no medio da xungla, esta asociación acolle a quen queira participar dela e, segundo afirma Ana: «o único que precisamos por parte dos socios é compromiso».

Aquí cadaquén ten a súa propia historia para contar. Yésica Prol, nada en Ourense pero viguesa de toda a vida, graduada en Historia pola Universidade Rovira i Virgili, escribiu a súa novela de misterio mentres andaba á procura de obxectos antiguísimos nunha escavación arqueolóxica en Francia. Alí, ás noitiñas, illábase do resto do grupo para compoñer unha obra que, afirma, xa case a tiña rematada no maxín e que a escribiu en tres meses, «ás veces durmindo soamente cinco horas ao día». Pero feliz. Amante absoluta das novelas de misterio de Michael Connelly e, sobre todo, de Mari Jungstedt, non descarta traballar outros xéneros no futuro, pero a súa ópera prima, El guardabosques, é unha novela de misterio que se ambienta entre España e Suecia. Antes de podela ver publicada presentouna a moitos, moitísimos concursos. Entre tanto, seguía facendo a súa vida como historiadora. Ata que tivo a resposta dunha pequena editorial que propuxera un concurso ofrecéndolle publicar a novela se ela se facía cargo de parte da financiación a través dunha campaña de micromecenado. E así foi: Obxectivo cumprido. Pero Yésica advirte: «Se queres facer cartos con isto, tes que estar preparada para facer un grande investimento». No seu caso, a editorial, que correu con parte dos gastos de promoción e edición, queda con boa parte do beneficio. Yésica bota en falta máis interese por parte dos medios locais e dos espazos libreiros da cidade, salvando as excepcións. Unha pensaría que estes espazos mostrarían máis disposición para estas persoas cheas de soños, desexosas de ser parte tamén dese mundo. Pero é unha das trampas, dos espellismos. No día da presentación do seu libro, o espazo escollido, «incomprensiblemente», nin sequera pendurou un cartel anunciado. É unha xungla ou non?

Outro conto é o de Ana Ghersi, amante das letras dende os seus precoces catro aniños. Favorecida por unha suxerinte biblioteca na casa familiar, caeu prendida na rede do intercambio de historias ben cedo. Moitos anos pasaron ata que se animou a publicar unha das súas obras: Los cincuenta cardenales de Gambetta, unha novela de fantasía dacabalo entre o mundo moderno e o medieval, con amor, humor, maxia, e unha boa dose de experiencias e dificultades propias, esfiadiñas en letras a través das páxinas. Ana, actual presidenta da asociación «Haberlos, haylos», escolleu Amazon para a edición dixital do libro. Despois de facerse cargo ela mesma dunha primeira impresión errada, acudiu novamente a Amazon para a versión impresa.

Yésica Prol e Ana Ghersi cos seus respectivos libros

«O bo de Amazon é que fas clic e, ala, aí tes o teu libro publicado», afirma Álvaro de Mina, outro autor novel da cidade: «O malo é que o deseño, a promoción, a corrección do texto, o deseño da portada… todo corre a cargo teu». Álvaro recoñece que «non escribiu para vender», senón para ver o seu libro publicado «aí, nos andeis, coma tantos outros, supoño». E ri. Está encantado co centenar e pico de copias que leva vendido e cos lectores que se poñen en contacto con a través de Amazon e das redes sociais. No entanto, de ter a posibilidade, Álvaro tería optado polo paquete que ofrecen algunhas editoriais e que inclúe a impresión dun número limitado de exemplares, a corrección, o deseño de impresión e promoción. Pero hai que ter os cartos. A súa novela é unha ucronía, subxénero da ficción especulativa, na que o personaxe protagonista, caídas todas as telecomunicacións, sae de Vigo na busca da súa exparella mais da súa cadela, que viven en Pontevedra. Todo isto, co aderezo dun importante compoñente musical, de xeito que a cada capítulo lle corresponde o seu propio tema musical. Un cóctel con moi boa pinta.

Ana, Yésica e Álvaro, sen manual de instrucións, atoparon a saída do labirinto e agora poden mollar o dedo e pasar as páxinas de cadansúa obra. A senda xa está feita. É unha cuestión de vontade coidala, arrincarlle as malas herbas e convertela nun camiño máis transitable no que camiñar a gusto. Coma sempre, a unión fai a forza.

Autoras e obras

Autora:           Ana Ghersi Fenor
Título:             Los cincuenta cardenales de Gambetta.
Xénero:           novela de cabalerías contemporánea
Editorial:         Amazon

A obra ten unha clasificación difícil porque nela conflúen a sociedade contemporánea e a medieval con algo do mundo dos cabaleiros teutónicos aderezado con maxia, amor e un humor irónico que, en boca da propia autora, «require unha lectura moi atenta». Unha protagonista muller, moderna, coas teimas propias da súa circunstancia viaxará a un mundo totalmente insospeitado.

Autora:           Yésica Prol Cid
Título:             El guardabosques
Xénero:           misterio
Editorial:         Tandaia

Esta ópera prima ten moito da novela negra propia da Europa actual, o que en alemán se coñece como krimi. Ambientada en puntos indeterminados de Suecia e de España, a súa protagonista atopa traballo como gardamontes no país escandinavo, onde espera poder vivir unha vida tranquila. Pero hai algo nese bosque que vai botar por terra o seu plan.

REVISTA MAIO

Autor:            Álvaro de Mina
Título:            Te encontraré en la niebla
Xénero:          ficción científica, ucronía
Editorial:        Amazon

Que pasaría se as eleccións de xuño de 2016 fosen gañadas por unha coalición de esquerdas? Este feito histórico alternativo é o punto de partida para unha historia ambientada nas Rías Baixas, con todos os sistemas informáticos e de telecomunicacións caídos. O protagonista, no medio desa crise, sente a necesidade de ir na procura da súa exparella e a súa cadela, iniciando unha aventura cunha marcada banda sonora.

Texto: Maruxa Gesto
Fotos: Pablo Vázquez

The following two tabs change content below.

Maruxa Gesto

Últimos posts de Maruxa Gesto (ver todos)