VIALIA
PLAYDOC

Escritoras, editores e libreiros valoran a Feira do Libro de Vigo

A Feira do Libro de Vigo rematou o pasado xoves 29 de xuño, e a súa nova ubicación na peonil do Calvario espertou unha notable polémica. Esta problemática súmase a inestabilidade e escasa notoriedade do evento na cidade olívica nos últimos anos. Falamos coa escritora Ledicia Costas, o editor Fran Alonso, o libreiro Antón Pedreira e a asociación organizadora, a Federación Librarías de Galicia.

Unha señora follea un libro infantil na Feira do Libro de Vigo en 2019 | P. Vázquez

O día que arrancou a Feira do Libro de Vigo, o 23 de xuño, Ledicia Costas compartía un tuit cunha imaxe bastante desalentadora das casetas do evento. Nela víase o escaso espazo que había entre as estruturas metálicas das librarías e os comercios, uns dous metros, e como isto dificultaba o movemento de persoas pola rúa peonil do Calvario. As casetas, ademais, estaban mirando contra a parede, non cara o centro da rúa. “En serio isto é a Feira do Libro de Vigo? Este é o espazo que merecen os libros?”, comentaba a escritora viguesa na rede social.

Esta non foi, nin moito menos, a única crítica ao evento literario. Librarías como Cartabón e Librouro, escritores como Diego Giráldez e María Reimóndez, editores como Marcos Calveiro ou a xornalista Chus Gómez, entre moitos outros, mostraron o seu malestar por unha ubicación que crían pouco adecuada para a festa anual da literatura. Outro dos motivos das críticas foi a escasa presenza de participantes na feira, un total de 13, entre os que atopamos tres entidades públicas e unha multinacional francesa.

Desde a Federación Librarías de Galicia, entidade organizadora de todas as feiras do libro de Galicia, explican que foi o Concello de Vigo quen propuxo esa ubicación, pois nesas datas tamén se celebraba no barrio vigués a Festa da Alegría e prevían bastante afluencia de xente: “A federación considerou interesantes as condicións que o Concello sumaba de aceptar esta ubicación, e valorou positivamente enmarcar a feira dentro dun proxecto que contiña máis actividades e que podería axudar a sumar público ao proxecto da Feira do Libro”, comentaron nunha nota de prensa. Admiten, tamén, que o cambio de ubicación responde, en parte, a que a feira olívica non acabou de funcionar nas anteriores ubicacións e seguen na procura da tecla adecuada. Na última década a feira de Vigo cambiou ata tres veces de localización: Alameda, Príncipe e, agora, o Calvario.

Feira do Libro de Vigo na rúa de Príncipe, en 2019 | P. Vázquez

“A feira do Libro de Vigo non pode estar mudando de emprazamento continuamente. Tampouco ser accesoria doutra celebración. É dramático ver esmorecer ano a ano a Feira do Libro da capital editorial galega“, di con contundencia Ledicia Costas, recentemente galardoada coa Medalla Castelao. Fran Alonso, director da editorial Xerais, opina que “hai consenso arredor desa valoración negativa: a feira foi extremadamente pobre en canto á participación do sector e a ubicación elixida paréceme unha enorme equivocación”. Sobre a valoración do evento, a Federación Librarías de Galicia revela que, malia que os resultados non foron espectaculares, si que houbo unha lixeira mellora nas ventas e afluencia respecto ás edicións anteriores. Tamén lamentan que o Concello de Vigo, o máis poboado de Galicia, é o que menos cartos aporta, “con diferenza”, de toda a súa área metropolitana (Ponteareas, Porriño e Redondela) para a celebración do evento literario.

REVISTA MAIO

Antón Pedreira, xerente da libraría compostelá que leva o seu apelido e participante da feira, afirma que leva “máis de 30 anos vindo a Feira de Vigo e noutra non me collen. Explícame como unha cidade de 300.000 habitantes non consegue xuntar máis de catro librarías e as máis importantes da cidade non queren participar”. Tampouco percibiu ese aumento de visitantes e vendas que asegura a federación: “No meu caso non foi así, baixou bastante e ninguén da Federación me preguntou canto facturei”, asegura. De todas as ubicacións, Pedreira non dubida en cal é a mellor: “o erro máis grande foi sacala da Alameda”. Por último, segundo el, o cambio de data tamén despistou á cidadanía, pois a súa celebración normalmente era a primeira semana de xullo.

Antón Pedreira e Manuel Bragado na Feira en 2019 | U. Soliño

Todos os entrevistados aseguran que é preciso imitar as fortalezas doutros eventos similares que si funcionan, como A Festa dos Libros de Pontevedra, a Cidade do Libro de Vilagarcía de Arousa, a SELIC de Santiago, a Feira do Libro da Coruña ou a Feira do Livro de Porto. “A sociedade muda e os formatos non poden ser os mesmos que se ofrecían hai 20 anos. Para iso é necesario apoio institucional, mais tamén sería interesante un diálogo entre todas as partes que participamos na cadea do Libro”, sintetiza Ledicia.

Fran Alonso coincide e bota en falta máis encontros regulares: “O diálogo é fundamental para mellorar pero tamén para relanzar o papel das librarías. Eu creo que debemos defender o papel das librarías independentes e, de feito, creo que desde a Xunta de Galicia deberían habilitarse axudas ás librerías, como en Francia. As solucións deben ser buscadas de xeito consensuado, participativo e activo“, propón o editor.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.