CAMELIAS MASCOTAS

Escamas e balaústres

Unha vez namorisquei dun arquitecto que tiña a oficina nun estudio da rúa do Príncipe. Aquel espazo era branco e luminoso. Eu observábao desde un tulipán de cor lila: único adorno minimalista sobre un branquísimo estante do IKEA. Grazas a aquel verán que pasei agochada entre os pétalos firmes da flor, espreitando con admiración e abraio o traballo que alí se facía, aprendín a apreciar a diversidade de estilos, formas, liñas… a busca da harmonía xeométrica. De todas as correntes arquitectónicas, a min gústame particularmente a modernista, porque nela se reflicte a apreciación artística dos seres humanos polas formas da natureza, polas curvas, pola variedade de patróns, pola proliferación de cores, polo caos. Queredes ver que estou pousada na orella esquerda dun dos cabalos do teito do teatro de García Barbón? Antonio Palacios non era exactamente un modernista, pero a min a riqueza de texturas e formas na súa obra faime gozar.

Véxovos aí abaixo, tan singulares como sodes as persoas desta cidade, camiñando con présa, tomando café cunha amiga, con abrigo de pano verde clorofila, ou baixo un chapeu mostaza que vos protexe do frío. Mirade para arriba! Aquí estou eu subida nestas estatuas de granito vello. Mirade, se o preferides, para o Home-Peixe de Francisco Leiro, máis coñecido como Sereo. Ten unha textura esvaradía e cégame o brillo da súa pel arxenta. Ben sei que non todos apreciades a súa silueta singular. Pero mirade que ben o paso eu polas súas escamas. É fermoso ollar de preto o mosaico xeométrico e irregular que compoñen esta figura única. Admirade a súa xiba. Podería ser o noso Quasimodo particular, coma o chepudo de Notre Dame. Admirade a súa robustez e fisionomía diferente e o orgullo co que vixía todo o casco vello e a ría. Se cadra, amar o Sereo é unha manifestación de amor por esta cidade.

Desde a praza da Princesa, sinto con forza a atracción dos fermosos edificios da Porta do Sol. Moita xente vese que aprecia esta visión tomando unha tapa de tortilla no bar Cosmos. Gústame particularmente o efecto visual da combinación do gris da pedra, o negro das balaustradas e o branco de portas e fiestras. Fixádevos. Dan ganas de tirar da faldriqueira un caderno e un lapis e facer un debuxo. Prosigo admirando todas as varandas de fundición que atopo na travesía de Elduayen. E non son poucas. Que rúa tan privilexiada é esta, chea de edificios históricos nos que proliferan balcóns e galerías de grandes dimensións que parecen estar agardando por un baño de sol. E sempre este gris granítico de liñas sinxelas ou elaboradas, segundo o caso.

REVISTA NOVEMBRO

Chegando xa ao paseo de Afonso XII, sinto a brisa mareira nunha apertura entre edificios. O mar. Gratitude inmensa que enche as miñas alas impacientes por chegar ao miradoiro e contemplar a vista liberadora da desembocadura da nosa ría. É como mirar o corazón, o xerme da cidade: o porto e a ribeira. Este panorama é unha lección de historia que se explica por si mesma. «Que pobo non se había asentar nunha paraxe coma esta?», penso mentres repouso na estatua da fada e o dragón que conmemora a outros que, noutrora, en tempos case esquecidos, tamén ollaron este mar inspirador.

Xoana

[Esta reportaxe pertence á revista A Movida de xaneiro de 2020. Se queres comezar a recibir un exemplar na túa casa, apoiar o noso proxecto e participar en numerosos sorteos, faite #AMOVIDALOVER nesta ligazón. ]

The following two tabs change content below.

Maruxa Gesto

Últimos posts de Maruxa Gesto (ver todos)