Eels, música que os netos deberían escoitar
Este sábado 29 de abril chegan por primeira vez á nosa cidade Eels, a banda estadounidense de rock liderada por Mark Oliver Everett. A súa música está marcada pola dramática vida do seu frontman, un dos grandes compositores das últimas décadas e tamén autor do bestseller Things That Grandchildren Should Know. Podes mercar aquí a túa entrada.
“Un dos mellores libros xamais escritos por un artista”. Con estas palabras falaba Pete Townshend, guitarrista de The Who, de Things That Grandchildren Should Know, o libro de memorias de Mark Oliver Everett, líder da banda Eels. Esta autobiografía, que se atopa dispoñible en castelán grazas a Blackie Books, foi o motivo polo que se creou esta editorial catalá: “Cando limos este libro, aínda non existía Blackie Books. Así que a inventamos. Creamos a editorial, en parte, para publicar Cosas que los nietos deberían saber“, explicaron nunha publicación de Instagram.
Publicado en novembro de 2007, o libro abriu a porta a moita xente á fantástica discografía dos Eels, e moita outra puido descubrir a vida do seu ídolo grazas á honestidade e humor da súa prosa. A través das súas páxinas, Mr. E, como popularmente se lle coñece, narra a súa vida desde a infacia ata os 44 anos, unha idade que polo xeral é escasa para publicar unhas memorias, pero non no seu caso: a morte súbita do seu pai, o famoso científico Hugh Everett III; o sucidio da súa irmá, mentalmente inestable e drogadicta; a morte da súa nai, enferma de cáncer; a morte da súa tía, azafata no avión que se estrelou contra o Pentágono o 11-S; a morte dun membro do seu equipo por sobredose… Non fai falla ler a obra para decatarse que o drama salpica toda a vida de Mark.
Malia isto, o libro, que recibe o nome dunha das súas composicións máis fermosas, desprende vitalidade, optimismo e luz. A historia non é nova, pero si o xeito honesto de contala: a música salvou a súa vida e a base de insistir conseguiu formar unha banda de éxito internacional. Isto do éxito, como todo, é relativo: podemos dicir que Eels situase nun limbo no que son absolutos descoñecidos para moita xente e unha banda de culto para outra moita. Un percorrido pola súa discografía, formada por 16 álbumes, seguro que nos sitúa no grupo dos segundos.
Cancións para escoitar cun “triunfante sorriso vencido”
Esta curiosa expresión acuñouna o escritor arxentino Rodrigo Fresán no prólogo da versión española do libro de Mr. E. Unha frase que define á perfección á música dos norteamericanos: triunfal, vitalista, fermosa, íntima; pero tamén escura, opresora e triste. Non hai un só xénero que abrangue a extensa produción de Mark e os seus. Do rock ao folk, pasando pola suciedade do garage e polas melodías do pop.
Beautiful Freak é o primeiro elepé que asinan os Eels, malia que Everett xa publicara dous discos baixo o nome de E e mesmo un máis, practicamente inédito, co de Mark Everett. De feito, decidiu chamar Eels (anguías en inglés) á súa banda para que os seus novos traballos estivesen preto dos anteriores nas estenterías das tendas de discos. Non pensou que xa existían bandas chamadas Eagles ou Earth, Wind and Fire. Eels realmente é a designación dunha banda que ten a Everett como único compositor e membro fixo ao longo dos anos, a pesar de que os músicos que o acompañan nesta xira xa levan moito tempo ao seu carón.
Os dous primeiros traballos contiñan boas cancións (‘Most Unpleasent Man’, ‘Hello Cruel World’ ou ‘Standing at the Gates’) pero non acabaron de asentalo na industria musical, especialmente polas malas vendas do segundo, Broken Toy Shop. A produción destes tampoco facía xustiza á calidade das melodías. Foi Beautiful Freak, en 1996, e en especial grazas á canción ‘Novocaine for the Soul’ (máis de 40 millóns de reproducións en Spotify), o traballo que relanzou a súa carreira e fixo que comezara a soar con frecuencia nas radios.
A súa situación vital marca o segundo traballo, a obra de culto Electro-Shock Blues (1998). O suicidio da súa irmá Elisabeth, á que se sentía moi próximo, encheu de escuridade e traxedia as súas letras. Temas como ‘Elizabeth on the bathroom floor’, ‘Going to your Funeral’, ‘3 speed’ ou ‘PS: You Rock my World’ removen ata o máis profundo do noso ser. Esta última contén unha das liñas máis fermosas da súa discografía: “I was at a funeral the day I realized I wanted to spend my life with you” (“Estaba nun funeral o día que me decatei de que quería pasar a miña vida contigo”).
Daisies of the Galaxy (2000) e Souljacker (2002) foron os seguintes traballos da banda. Neste época, igual que agora, Everett lucía unha frondosa barba que lle supuxo máis dun problema nunha época na que os membros de Al-Qaeda eran os obxectivos número un nos aeroportos. O disco Dasies foi acusado de “nocivo para a infancia” por George W. Bush, daquelas candidato á presidencia dos EEUU, por ter na portada un debuxo infantil e no interior cancións como ‘It’s a Motherfucker’: “Encantoume, claro. Falaban de nós na portada do Washington Post“, escribiu nas súas memorias.
En Souljacker colaborou con John Parish, guitarrista de PJ Harvey, con quen repetiu o ano pasado no que polo momento é o último disco de Eels, Extreme Witchcraft (2022). Ambos traballos caracterízanse pola potencia dos riffs de guitarra, como é o caso das cancións ‘Souljacker Part I’, ‘Dog Faced Boy’, ‘Good Night on Earth’ ou ‘The Magic’. Nesa liña máis ruidosa Eels goza dun nutrido cancioneiro: ‘Prizefighter’, ‘Tremendous Dynamite’, ‘Peach Blossom’, ‘Saturday Morning’, ‘Rags to Rags’…
Pero quizais a súa vertente máis coñecida é a denominada soft rock que, como indica o seu nome, se caracteriza por medios tempos, guitarras limpas, melodías coidadas e arranxos elegantes. ‘I like the way this is going’, ‘Where I’m From’, ‘Waking Up’, ‘Earth to Dora’, Wooden Nickels’, ‘Mansion of Los Feliz’, ‘In My Dreams’ ou ‘Love of the Loveless’ forman parte deste grupo. Outro apartado da súa produción, este máis reducido, podemos atopalo na banda sonora dos distintos filmes da saga de animación Shrek, agás en Shrek Forever After (2010): ‘My Beloved Monster’, ‘I Need Some Sleep’, ‘Losing Streak’ e ‘Royal Pain’.
Things that grandchildren should know publicouse xusto despois do lanzamento de Blinking Lights and Other Revelations (2005), a obra máis ambiciosa do músico de Virginia. Neste doble cedé fai unha demostración das súas habilidades compositivas tocando temas como a perda, a soidade ou a súa incapacidade de adaptarse. Tamén deixa un resquicio de optimismo, por exemplo na canción que dá título ao seu libro. Unha letra honesta e cotiá na que fala sobre os seus avances nas habilidades sociais e o recordo que ten do seu pai, co que nunca tivo un gran relación: “I feel like he’s here with me now / Even though he’s dead” (“Sinto que esta agora comigo aínda que estea morto”).
Tras tocar en Santiago en setembro de 2019, Eels volve este sábado a Galicia tras aplazar o ano pasado por mor da pandemia. O Auditorio Mar de Vigo acolle un dos concertos máis interesantes desta tempada, máis afastado dos focos mediáticos en comparación con Guns n Roses en Balaídos ou Alejandro Sanz en Castrelos. Aínda quedan unhas poucas entradas para vivir unha boa noite na Terra e ter algo que contarlle aos nosos netos cando sexamos maiores.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024