REVISTA ABRIL

Jorge Mira: “Hai avós que non son capaces de comunicarse cos seus netos porque non falan a mesma lingua”

Hoxe, mércores, o televisivo profesor Mira participará no Pint of Science, o evento que pretende achegar á ciencia dunha forma divertida a través de microcharlas nun pub. Nesta ocasión, o local escollido é o Café de Mario e Jorge Mira disporá de 30 minutos para explicar o seu sistema matemático do que se extraen unhas regras que axudan a predicir por que unha persoa que nace nunha comunidade bilingüe escolle unha ou outra lingua.

O televisivo Jorge Mira estará hoxe en Vigo | Fuco

Dis que non temos liberdade á hora de tomar decisións?

Cada ser humano emite un xuízo aparentemente de libre albedrío pero vive nunha contorna na que hai outros seres coma el, e un afecta ao outro. As sociedades humanas malia estaren compostas por seres de libre albedrío teñen unha serie de regras que son o resultado dese promedio de todas esas interaccións. E, sorprendentemente, cando un analiza a nivel colectivo o comportamento dunha sociedade obtén que esa sociedade se move de acordo a esas regras.

Regras como cales?

Unha das cousas máis visibles deste fenómeno é o que ocorre cando unha sociedade ten dúas linguas ao seu dispor como o caso da galega. Os individuos decántanse a falar unha ou outra lingua en función das súas expectativas sociais, económicas, das súas filias e das súas fobias, polos seus sentimentos de pertenza ou non pertenza etc.

Non fallan esas regras?

Ao estudar como evolucionou o número de falantes de galego e castelán en Galicia ao longo do tempo, obtiven unha regra matemática máis ou menos estable que funciona sorprendentemente ben para estudar non só o caso galego-castelán senón o de calquera par de linguas que co-existan. Por exemplo, estudei o caso catalán e tamén funciona.

Entón grazas a este sistema podemos predicir o futuro do galego?

Esa lei matemática explicou o percorrido que tiveron as dúas linguas dende hai moitísimos anos ata agora, cabe supor que esa mesma lei se vai aplicar no futuro. O que facemos é proxectar o escenario que teriamos.

E cal é a súa previsión?

O galego leva un camiño perigoso, que afortunadamente non o leva a extinción. Si que posiblemente se extinga o monolingüísmo galego, cabe dicir que a finais do XIX a porcentaxe de galegofalantes monolingües era de máis do 90%. Ao tempo, o grupo monolingüe castelán irá medrando. E o que vai haber é un gran grupo de bilingües.

Di que tamén estudou o caso catalán, algunha diferenza reseñable en comparación co galego?

En Galicia o castelán ten máis prestixio que o galego un 60-40. No caso catalán están moi pertiño en torno a un 49-51, pero o castelán está ese pelín por riba, un dato que case mimetiza o mapa político de Cataluña.

“O prestixio social da lingua determina o idioma que os nenos escollen para falar”

De que dependerá que un neno que nace hoxe en Galicia escolla o galego ou o castelán?

Do prestixio, o neno acaba absorbendo o que ve. Un exemplo, o meu sobriño ten 6 anos, os seus pais son practicamente monolingües galegos, os avós tamén e o rapaz comezou a falar castelán. Por que? Pois porque vía Pocoyó, Pepa Pig e, as veces, os avós que viven cunha percepción de que o castelán é máis importante cambian ao castelán para falar con el, o cativo percibe iso e o acopla. Agora con 6 anos xa vai a escola, a maioría dos seus compañeiros son galegofalantes, ve ao seu tío na TVG falar galego… entón o neno comeza a errecular e fala en galego.

As conclusións que se derivan das vosas estatísticas non son moi optimistas co galego e as linguas minorizadas?

REVISTA ABRIL

Calcúlase que desaparecerán o 90% das 5000/6000 linguas que había rexistradas no Planeta Terra a finais do século XX en unha ou dúas xeracións. De feito, xa hai linguas nas que só hai 10 falantes. Hai casos extremos de avós que non son capaces de comunicarse cos seus netos, porque falan, literalmente, linguas distintas.

“A desaparición da lingua vai ser moito máis brusco nunha sociedade rural que nun entorno urbano”

Se pode sacar algunha conclusión de a que se debe este feito?

Á globalización evidentemente. Por exemplo, na publicidade que vemos en Galicia cada vez hai máis palabras en inglés. Pero, curiosamente o proceso de desaparición da lingua vai ser moito máis brusco nunha sociedade rural que nun entorno urbano. Porque se na aldea dunha señora dunha tribo que vive nos Andes de Perú comezan a falar castelán a súa variante do Quechua vaise ver illada e a ela vaise a ver na obriga de aprender o castelán. En cambio, nunha megaurbe coma Londres hai guetos árabes, indios nos que aínda estando en contacto co inglés o idioma que predomina é o seu propio, ben sexa árabe, a súa variante do francés ou o indi.

The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.