REVISTA ABRIL

Aurora (& The Betrayers): “A xente o que quere é que lle sorprendas, quere escoitar cousas novas”

En canto a escoitas cantar cres que se trata dalgunha clásica do soul anglosaxón, así é o chorro de voz inconfundible de Aurora García. Ela xunto a José Funko e Martín García forman a banda Aurora & The Betrayers. Un grupo madrileño que foxe do convencional e busca o atípico, creando así a verdadeira esencia que lles define e que poderedes escoitar en directo o domingo 7 de xullo no Vigo SeaFest.

Aurora & The Betrayers

Aurora, se tiveses que definir a banda cunha soa palabra, cal escollerías?

(Risos) Eclécticos.

Quen son os Betrayers?

Somos Martín García (teclista), José García (Funko, guitarrista), Víctor (manager) e eu, Aurora García (vocalista). Os Betrayers somos realmente un núcleo que, cando empezamos este proxecto nin nos coñeciamos, unha verdadeira tolemia. O resto de músicos que forman parte van variando e cambiando.

Compartiches escenario con Nita de Fuel Fandango, dous grandes chorros de voz nunha mesma sala. Como foi cantar xunto a ela?

Nita paréceme unha cantante espectacular e decidimos no seu día preguntarlle se quería colaborar connosco para o concerto que fixemos do noso primeiro aniversario como banda. Foi moi especial, a verdade é que foi unha gran honra e un gran apoio porque á fin e ao cabo todos vimos do mesmo sitio, compartimos a mesma paixón.

Sodes un grupo que, cunha traxectoria aínda curta realizastes unha chea de colaboracións. Por que?

Somos un grupo que vimos das Jam Session, de formar parte de distintas bandas e todos compartimos unha mesma paixón, esta é a verdadeira riqueza da música. Por iso, gústanos compartila con máis persoas ás que lle apaixona o mesmo que a nós.

Tune out the noise ademais de ser o voso último álbum, que esconde detrás este disco? Por que necesitabades sacalo?

A nosa banda formouse como unha aventura, máis ben como unha tolemia xa que ningún nos coñeciamos de nada por moi incrible que pareza. Cada un de nos viña de distintas formacións, o que si que tiñamos en común era a influencia dun estilo bastante anglosaxón, sobre todo da música negra. Non queriamos encasillarnos como unha banda de soul, rock ou funk senón que buscabamos definir nosa propia personalidade como grupo. Cada un proporcionamos o noso gran de area, fomos evolucionando xuntos e este é o resultado do que se pode escoitar no noso último álbum.

Con isto queres dicir que non vos definiriades con ningún estilo? Queredes crear o voso propio xénero?

Exacto, pero realmente tampouco estamos a crear nada novo, simplemente estamos a buscar a nosa personalidade como grupo. Á fin e ao cabo o único que non queriamos era definirnos como unha banda dun xénero determinado xa que senón, en certa maneira, estariámonos a limitar.

Tivestes unha gran acollida e temazos como Pay Me Back xa conta case con medio millón de reproducións en plataformas como Spotify. Esperábades isto?

A nós en particular sempre nos ocorren cousas que non nos esperabamos (risos). No noso primeiro álbum ofreciamos unha música moito máis alcanzable ao público, con todo, no último álbum decidimos arriscar meténdonos en sonoridades máis complexas de escoitar e é certo que ao principio dábanos medo. Nós eramos conscientes de que con Tune out the noise podiamos perder a parte do público que conseguiramos xa que era máis arriscado e innovador. Con todo, arriscamos e gañamos xa que a resposta do público foi moi boa, moi receptiva e cada vez é máis cuantitativa. Eu creo que con isto queda claro que a xente o que quere é que lle sorprendas, quere escoitar cousas novas.

Non vos daba medo arriscar cun estilo co que o público español igual non está tan afeito?

Si porque é certo que o proceso creativo pode ser moi divertido pero tamén estás coa inseguridade de que non sabes se todo o teu esforzo servirá de algo. Aínda así, nós somos un grupo que vimos da nada, de tocar en garitos, de facer música non mainstream e estamos afeitos ao risco, non perdiamos nada, tan só podiamos gañar.

En marzo saíu o tema Flesh and blood, é isto o adianto de algo novo?

Este último ano decidimos relaxarnos un pouco, levabamos un ritmo de vida moi rápido xa que en tan só cinco anos xa sacamos tres álbums. É moi importante saber cando o corpo pídeche descansar un pouco, así que decidimos estar tranquilos gozando dos concertos e simplemente sacaremos de cando en vez algunha canción pero sen chegar a publicar un novo disco. Creo que ás veces hai que saber cando parar e acougarse un pouco.

Es unha muller que o dá todo nos escenarios, que é o que máis te satisfai cando estás aí arriba?

REVISTA ABRIL

É a parte que máis me gusta mentres que a algún lle gusta máis o proceso de estudo e demais, a min o directo encántame porque é onde se vive a enerxía e plásmase todo o traballo que realizaches detrás do escenario. Para min o escenario é un momento sacro, é o que me enche na vida, non podo evitar gozar, dalo todo e tentar conectar coa xente, que sempre é un reto.

Este domingo 7 de xullo tocaredes no SeaFest, repetides en Galicia despois de actuar tamén no Festival Noroeste Estrella Galicia. Que vos gusta da nosa terra e que opinades do público galego?

De Galicia gústanos todo, de verdade, encántanos vir á vosa terra. Custounos moito enganchar co público galego ao principio pero con todo agora, é o público que máis inviste nos discos físicos, algo que nestes momentos é moi importante. O voso público é melómano, crítico no bo sentido da palabra e sabe o que quere escoitar. Por iso Galicia é un dos nosos destinos favoritos, por iso e porque tamén encántanos a vosa gastronomía e iso é un plus para nós.

(GMT+01:00) Paseo das Avenidas

The following two tabs change content below.

Uxia Soliño

Iniciou os seus estudos na Filoloxía Hispánica na USC pero abandonouno cando se deu conta que a súa vocación era o mundo audiovisual. Estudando Comunicación Audiovisual na UBU e compatibiliza con UBURadio, onde dirixe e locuta Que me estás cantando. Escribiu o guion da curtametraxe 3:03 que foi galardoada a Mellor Curtametraxe de Ficción no Festival Creando 2019. Amante da fotografía, da radio, da música, dos seus e dos cans. De maior quere ser como Ángel Carmona ou Wilma Lorenzo aínda que se conforma con ser ela mesma, é fan da música e dos concertos improvisados na ducha.