CAMELIAS MASCOTAS

#EdusoDay2021: unha xornada para crear Educación Social

Coñecida nas redes como Creando Educación Social, Lucía Fernández é unhas das maiores e mellores divulgadoras da súa profesión a nivel estatal. Ademais de compartir e visibilizar a educación social a través de Instagram, Fernández ofrece formación, obradoiros e deseña programas para entidades. Unha desas actividades será o obradoiro online #EdusoDay2021 que se celebrará durante a xornada do 25 de setembro.

Cando Lucía Fernández estudaba Educación Social decatouse de que moi pouca xente coñecía a súa futura profesión. Botaba en falta referentes e estaba cansa de ter que explicar en que consiste o seu oficio, as veces difuminado entre outras disciplinas como a sicoloxía, a pedagoxía e o traballo social, pero con funcións claras para quen a exerce. A educación social é un proceso socioeducativo que acompaña ás persoas para mellorar a súa realidade. Un proceso no que as educadoras poñen ás persoas no centro, sen esquecer o valor colectivo das nosas accións.

REVISTA NOVEMBRO

Na liña de traballar en prol do coñecemento e recoñecemento da labor das educadoras sociais, Fernández organiza o #EdusoDay2021. “O hashtag non é meu” recoñece, pero súa é idea de extender unha celebración dun só día a todo un mes de actividades. O Día Internacional da Educación Social celébrase desde 2004 o 2 de outubro, pero Lucía emprendeu xa o 3 de setembro un periplo por seis cidades galegas que culminará cun evento online o día 25. O seu obxectivo é tecer redes coas súas compañeiras de oficio e ofrecer obradoiros de autocoñecemento e autocoidado profesional. “Dedicámonos a solucionar os problemas doutros sen ter tempo de reflexionar sobre o efecto diso no noso estado de ánimo”, por iso decidiu crear un espazo no que as educadoras sociais traballasen a nivel emocional consigo mesmas.

A iniciativa foi un éxito e, a falta de celebrar os últimos dous obradoiros, en Pontevedra o 17 e en Ourense o 24, Lucía xa colgou o cartel de completo nas nove citas. A décima será a través de internet, o 25 de setembro. Unha última xornada na que contará coa intervención de reputadas compañeiras como Cristina Palacios, que falará sobre integración de persoas LGTBI; e Millán Brea que ocupará a palestra visrtual para falar de educación afectivo-sexual. “O bo e o malo é que estamos en todos os sectores”, comenta a organizadora, en referencia ao carácter multidisciplinar das ponencias.

As persoas que desexen asistir a este evento dixital, deberán inscribirse a través do formulario dispoñible na súa web e conta de Instagram (@creando.educacionsocial).

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.