CAMELIAS MASCOTAS

Dúas xeracións dos Costas sobre o escenario do Karraskal Rock

Este venres 12 teremos a oportunidade de ver sobre o escenario do Karraskal Rock, aínda que en principio por separado, ás bandas Costas (liderada por Miguel Costas) e The Riggos (integrada polos seus fillos Bruno e Yago). Comparten cartel con Callahan o venres e con Zaius, Sherpa e Motores o sábado.

O apelido Costas parece ser sinónimo de música, xa que na mesma familia atopamos a Miguel, fundador de Siniestro Total, Aerolíneas Federales e Los Feliz; Rosa, cantante de Aerolíneas Federales; Peón, fundador de Def con Dos; Daniela, cantautora que participuo na última edición de Factor X; e Yago e Bruno, fundadores do grupo The Riggos.

Estes dous últimos cóntannos que desde pequenos a súa casa sempre estivo cargada de música. Ramones, The Clash, The Rezillos ou Gruppo Sportivo eran algúns dos grupos que soaban daquelas. Só con ver o segundo nome de Yago Ray (por Ray Charles) e Bruno Elvis (polo Rei do Rock) xa se podía adiviñar a importancia que ía ter a música na vida destes rapaces.

“É a primeira vez que comparto cartel cos meus fillos e faime moita ilusión” comenta Miguel Costas, que agarda que non sexa a última. Pola súa contra, tanto Bruno como Yago lembran que si houbo unha vez anterior na que The Riggos telonearon a Costas, alá polo 2014 no Ensanche de Vigo. Preguntados por se teñen pensado facer algún tipo de colaboración este venres, os tres responden que non hai nada planeado, pero deixan a porta aberta por se xorde algo de última hora.

Bruno compartiu escenario co seu pai o ano pasado en Madrid no 35 aniversario da carreira musical de Miguel Costas. Concerto ao que non puido acudir o seu irmán. Por iso, ambos lembran que a única vez que compartiron escenario co seu pai foi xa hai bastantes anos cun grupo que tiñan chamado Clan 45, co que versionaron o clásico Miña Terra Galega coa colaboración do seu compositor.

Mentres que Miguel e Yago non se mollan á hora de escoller a súa canción favorita da banda do outro, Bruno si que o ten máis claro: Diferente de Costas e Animal de Los Feliz. Yago destaca a cantidade de boas cancións que ten o seu pai, mentres que Bruno opina que onde máis lucen son en directo. “Aínda que o primeiro algo menos, gústanme todos os discos de Costas”, comenta Bruno. “Se lles chego a poñer ao Maluma de turno daquela época, ao mellor agora estarían facendo reggaeton. Non o sei”, comenta irónico Miguel, que lembra que xa na súa casa de pequeno “escoitábase boa música”.

REVISTA NOVEMBRO

Pero realmente son parecidos Costas e The Riggos? “Musicalmente eles tomaron un camiño que nada ten que ver co meu, pero paréceme moi meritorio porque poderían ter escollido un xénero máis comercial”, di con orgullo o seu pai. Yago apunta que “pode existir certa influencia, como por exemplo na canción El Fin, pero nós tamén temos outros grupos que nos gustan e que lle descubrimos a el. A influencia é mutua”. Bruno opina que esa influencia “non é intencionada. Levo desde pequeno escoitando a súa música e é normal que algo se note na miña, The Riggos é algo totalmente independente”.

Miguel pensa que “a cousa está moi difícil para os grupos que fan este tipo de música fóra do mainstream, e máis para os que están a comezar”. Engade tamén que “o Concello debería programar máis bandas viguesas emerxentes nas Festas. Antes si se facía”.

Costas está a preparar unha xira por Chile a finais de mes, coa que recoñece sentirse moi ilusionado xa que “me coñecen case máis alí que aquí. É un público máis novo e con moita curiosidade”. Pola súa parte, The Riggos buscan “tocar o máximo posible e dar a coñecer o noso primeiro disco por onde máis sitios mellor”. Yago móstrase ambicioso: “estamos nun momento no que demos un salto de calidade e podemos facerlle incluso un pouco de competencia ao noso pai”.

(GMT+01:00) Parque Forestal de Zamáns

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.