VEGANA

Dúas viguesas crean un fanzine sobre mulleres que abriron camiño

O pasado sábado inaugurouse en Detrás do Marco unha exposición feminista realizada por Paula Pereira e María Montes. As viguesas crearon un fanzine que recolle as ilustracións que podemos ver na exposición. Unha nova mirada na que recoñecen o traballo das mulleres ao longo do tempo na superación dos roles e modelos establecidos.

Como xurdiu a idea da exposición?

María: A idea da exposición foi de Paula, ela foi a que contactou con Franccesca de “Detrás do Marco” e organizou todo, igual que a proposta de facer un fanzine ilustrado con esta temática, que tamén foi idea súa.
Porque traballades xuntas, sodes un colectivo ou foi algo puntual?
María e Paula: Traballamos xuntas nesta ocasión de xeito puntual porque somos amigas e temos afeccións parecidas. Era emocionante para as dúas desenrolar un proxecto ata o final e velo rematado. Non somos un colectivo, pero compartimos moito os nosos procesos de traballo aínda que non se traten de proxectos comúns.

Puiden observar que as mulleres retratadas son moi diversas, en que vos baseastes para facer a selección? 
María e Paula: No fanzine aparecen mulleres que admiramos, referentes aos que volvemos unha e outra vez porque os seus camiños fixeron posible, por uns motivos ou outros que os nosos sexan máis sinxelos. Por iso aparecen mulleres galegas xunto a mulleres de recoñecemento internacional. Efectivamente moitas das mulleres que admiramos quedaron fora da lista, puxémonos un límite de 25 mulleres para cada unha e escoller foi moi complicado, pero nesa lista non hai necesidade de cinguirse a ningunha clasificación nin temporalidade. Mulleres que admiramos ou nos marcaron, deste século ou do século pasado,vivas ou mortas.

Utilizastes diversas técnicas, con cal vos sentides máis cómodas? no debuxo a papel ou na ilustración por computadora.
María: No meu caso non podo discriminar ningunha das dúas xa que debuxo a man, pero coloreo coa computadora. Son incapaz de debuxar coa tableta gráfica, gústame usar o lapis e a goma, pero para colorear uso o ordenador e o photoshop, aínda que me encantaría dominar algunha técnica tradicional, especialmente a acuarela.
Paula: A min non me gusta moito traballar en dixital, prefiro todo o proceso a man. Gozo moito cos pinceis e as acuarelas, e gústame aprender novas técnicas e experimentar.

Como foi o día da inauguración e a acollida por parte do público?
María e Paula: Foi boa, houbo xente interesada que quixo levar o fanzine para a súa casa e a cafetería/galería é moi acolledora, así que penso que non falo só por min se digo que estivemos cómodas ata que chegou o momento de presentalo. Os nervios aínda son algo no que traballar.

(GMT+01:00) Detrás do MARCO

REVISTA OUTUBRO