bannerEspazoFest
Banner Sin Sal

A edición Esencial do Sinsal contará cun 70% de mulleres sobre o escenario

O cartel do Festival SinSal Esencial, que se celebra do 23 ao 25 de xullo na Illa de San Simón, continúa a ser secreto, pero a organización desvela que estará formado por 14 bandas das que un 70 % dos integrantes son mulleres. O festival tamén anuncia que incluirá un escenario virtual no que terá lugar unha experiencia inmersiva grazas ás últimas tecnoloxías de vídeo e audio.

Foto: Pablo Vázquez

Unha vez colgado o cartel de entradas esgotadas na súa billeteira virtual a organización comeza a sembrar pistas do que poderán desfrutar os asistentes na Illa da ría de Vigo. Así, hoxe soubemos que o cartel musical estará conformado por un total de 14 bandas e artistas de Galicia, España, Portugal e EEUU. Nel destaca a alta porcentaxe de grupos liderados por mulleres ou con integrantes femininas na súa totalidade. É o caso de 9 das bandas do cartel. Neste sentido, a programación de Sinsal segue a liña de reivindicar o papel da muller na industria da música, tanto sobre o escenario coma nos seus equipos de traballo.

Banner A Movidiña

A segunda primicia é que o teremos a posibilidade de gozar do festival a través dun escenario virtual. Unha proposta innovadora, realizada da man do equipo de Liveforevr, que rompe os códigos tradicionais de gravación e emisión de contidos musicais. Durante os días do festival, o equipo realizará un Art in Residence na illa coas últimas tecnoloxías de vídeo e audio inmersivos, e coa colaboración dunha das artistas participantes no festival. Esta experiencia inmersiva retransmitirase o sábado 24 de xullo, a partir das 00.00 horas, a través do Twitch e do Instagram de Liveforevr.

Outra das actividades que acabamos de saber que estará dispoñible online é a serie de faladoiros Localizar e deslocalizar. Conversas internacionais sobre igualdade, patrimonio e cambio climático, que pretende avanzar no debate sobre o futuro sostible dos festivais e da industria musical. A idea abordarase desde unha perspectiva global coa participación de representantes de iniciativas musicais de Canadá, Italia, Líbano ou Noruega (ademais de Galicia). Todos os contidos recolleranse en formato audiovisual e, posteriormente, estarán dispoñibles como podcast na propia web do festival, https://festival.sins.al/.

Na xornada do venres 23 celebrarase o parladoiro Mulleres na cultura internacional. De Oslo a Beirut, que contará coa participación das iniciativas Oslo World (Noruega), Beirut And Beyond (Líbano) e Descúbreas (Galicia). Na tarde do sábado 24, Localizar e deslocalizar centrarase nas relacións entre Cultura e cooperación para o desenvolvemento rural, na que se darán a coñecer propostas como Risogimarche (Italia) e Anceu Colivig (Galicia). Finalmente, na tarde do domingo 25, será a quenda da reflexión sobre a Axenda 2030 e Os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) nos festivais internacionais da man de Global Toronto (Canadá) e We Sustainability (Galicia).

X