Domingo Villar é o protagonista do valo de Pereira en Beiramar
Por terceiro ano consecutivo a conserveira Pereira escolle unha frase dun escritor vigués para decorar o seu valo de Beiramar e homenaxear así á xente do mar, ligada á cultura e a cidadanía. A frase para o 2020 está sacada do libro ‘A praia dos afogados’ de Domingo Villar.
‘O tempo, o sol e o mar engurraran o rostro do mariñeiro e cuartearan a súa pel como terra seca’. Esta frase que Domingo Villar escribe no seu best-seller ‘A praia dos afogados’ poderá lerse durante todo o 2020 no valo anexo ás instalación de Pereira, na Avenida de Beiramar. Ademais da frase, o valo está ilustrado cunha imaxe de Alfonso, un mariñeiro do porto de Panxón, xa falecido pero moi coñecido no Val Miñor e querido no sector, quen perfectamente podería ser un dos mariñeiros que aparecen na obra de Domingo Villar.
O pasado 17 de novembro, Pereira activou un concurso nas súas redes sociais para que os seus seguidores seleccionasen entre tres frases de tres libros do escritor vigués Domingo Villar cal era a que máis lles gustaba para que ilustrase o valo que a empresa ten nas instalacións de Beiramar durante 2020. A frase deste ano foi elixida por maioría cun 80% dos votos e relevará á de Ledicia Costas, que ocupou este espazo durante o 2019.
Con esta iniciativa, Pereira quere resaltar o vínculo da cidadanía co mar e o sector pesqueiro, así como relacionar a actividade pesqueira coa efervescencia cultural viguesa. Durante o acto de presentación, no que estivo presente o escritor vigués, o director de comunicación da compañía conserveira asegurou que esta acción quere ‘render a nosa particular homenaxe á xente do mar, homes e mulleres aos que tanto temos que agradecer por dedicar as súas vidas a esta profesión’.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- A quen queres ver en Castrelos en 2025? - 22 Novembro, 2024
- Beldade: cociña de autora en Tui - 22 Novembro, 2024
- Stoned at Pompeii, Compañía Ártika e Fran Sieira esta fin de semana en Vigo - 21 Novembro, 2024
- Batalla de bocatas en As Cunchas: ‘Friends’ ou ‘The Bear’? - 20 Novembro, 2024
- Sukha Funk evoluciona: máis vegano e a domicilio - 18 Novembro, 2024