REVISTA ABRIL

Os versos de Ledicia Costas protagonistas do valo publicitario de Pereira

Uns versos da recoñecida escritora viguesa Ledicia Costas serán os encargados de protagonizar o valo publicitario de Pereira Productos del Mar, un cartel que xa vén sendo tradición desde hai 7 anos. 

O pase de diapositivas require JavaScript.

“Neste mar navegan os barcos das nosas vidas”. Esta frase, obra da escritora viguesa Ledicia Costas, acompañará a unha fermosa imaxe dunha rapaza no mar coas Cíes de fondo no novo valo publicitario da empresa Pereira Productos del Mar, visible na Avenida de Beiramar desde hoxe.

Desde Pereira pedíronlle á galardoada escritora que crease tres frases que representasen a imaxe e valores da empresa, e ela presentou as seguintes: “Navegamos lonxe, mais sempre pensamos en ti”, “Todo o que somos navega” e a xa mencionada “Neste mar navegan os barcos das nosas vidas”, que finalmente foi a gañadora grazas aos votos dos seguidores da marca a través das redes sociais. Ledicia recoñeceu que en realidade presentou oito propostas, aínda que a selección final quedou en tres.

REVISTA ABRIL

Ruy Andrade, Director de Comunicación de Pereira, confesou que elixiron a Ledicia por facer unha referencia ao valo publicitario da súa empresa no seu último libro, Jules Verne e a vida secreta das mulleres planta, ademais de por ser unha recoñecedísima escritora tanto a nivel local como nacional.

Para Costas a chegada deste valo cada decembro é un evento sinalado, sempre cuberto por inspiradoras frases como “Estamos en la bahía de Vigo y solo de usted depende que pueda conocer sus secretos” (2017), “A maxia de saber amar” (2016), “Cada palada cuenta” (2015), “Este mar nos ha llevado al mundo” (2014), “Un mar de sabores” (2013) e “No importa el frío, no se nos congelará el corazón” (2012).

O acto de presentación tivo lugar no barco da Armadora Pereira “Argos Pereira”, no peirao do Porto de Vigo. Alí, a autora viguesa leu o comezo da súa última novela, na que sae mencionado o valo do que agora ela será protagonista ata decembro do 2019.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.