David Amor: “O da sorte é unha escusa de mediocres”
No día do Amor ninguén mellor que David Amor para pasar a xornada. Segundo el mesmo afirma, o mellor acto de amor á facer rir alguén. O humorista de Salceda de Caselas actúa hoxe ás 22:00 horas no Espazo Mahou do Urban Market do Progreso. É o segundo espectáculo dentro do ciclo de monólogos ‘Los jueves de humor en Progreso 41’. A proposta de Maestra de Mahou para encher de humor os xoves de febreiro.
Por que Amor como apelido artístico?
Foi cousa dun programa no que estiven na galega, historia vella, e dixeron que tiñan que poñerme nome artístico e decidíronse por Amor.
Así que non tiveches nada que ver na decisión?
A min pareceume ben. Valíame todo con tal de traballar.
Vaiche moi acaído para a túa actuación de hoxe.
Vai perfecto, igual foi todo unha confubalación para que cadrase así neste espectáculo [risas].
Haberá algo de amor no teu show de mañá?
Sempre, o humor, as risas son sempre amor. Que acto de amor pode haber mellor que facer rir a alguén?
Estiveches actuando precisamente no mesmo sitio fai cousa dun ano. Será o mesmo espectáculo ou será un espectáculo renovado?
Será un espectáculo moi similar. O espectáculo novo vai ter que esperar o ano próximo.
En que buscas inspiración para encher hora e media de monólogo?
Cando tes que falar tanto tempo buscas inspiración en todo. Dende anécdotas persoais, anécdotas escoitadas, como cousas inventadas. Hai un momento no que se mestura todo e mellor que non estea moi claro que é realidade e que é mentira.
Fas referencia a actualidade política ou social?
Non, senón es moi escravo diso. Podo meter algún guiño dependendo do inspirado que estea.
Haberá algunha alusión a Vigo?
Para iso hai que ir a velo, se conto todo agora perde a graza.
Foi con ‘El club del chiste’ que te deches a coñecer a nivel nacional, que recordos tes daquela época?
Foi un salto moi agradable. Pasas a algo máis grande, pero me trataron moi ben, entón foi cero traumático. Tiven unha boa carreira artística, os pasos sempre foron agradables.
Tanto en programas como en series sempre te vemos ligado a comedia te gustaría interpretar algún rol dramático?
Sempre, sempre non. Teño feito algún rol dramático, teño feito de entrevistador para temas serios e a nivel actoral teño feito papeis dramáticos ata participei nunha curta de terrorpsicolóxico. Son actor e fago o que me manden.
Como te ves nesas outras facetas?
Realmente importa máis como te ven os demais que como te ves ti. Se fago as cousas é porque creo que podo facelas e despois son os demais os que deciden se o fago ben ou non.
Tamén colaboras en Zapeando dende o ano pasado, como é a experiencia de traballar nun dos programas máis exitosos dos últimos anos?
Moi boa é un programa que vai solo, un equipo que te acolle moi ben. Cando estás alí non estás pensando dios é que este programa é moi importante, non, estás alí e o disfrutas. Esa é a filosofía que eu teño do traballo, hai que tomalo en serio pero pasalo ben.
Unha utopía para moitos iso de gozar no traballo.
Se a xente non o fai é porque non quere. Eu non son mellor que ninguén, nin máis especial que ninguén. Se dedicamos tantas horas do día ao traballo debería ser algo que nos guste.
Dedicarnos ao que nos gusta está na nosas mans, entón?
Eu creo que si. Son dunha xeración no que o típico era estudar administración e empresariais. Estráñame que houbese unha porcentaxe tan alta da poboación que quixera dedicarse a iso, pero estaba o discurso do traballo seguro e agora estase a demostrar que traballo seguro non hai ningún. Entón creo que é mellor dedicar tempo a facer algo que te gusta. Despois está a parte económica, que todos intentamos facer algo que nos de máis cartos. Mellor ser dentista que xardineiro porque ganas máis cartos, igual sendo xardineiro es máis feliz pero ninguén se plantexa iso. Eu o aplico a miña vida e funcióname, levo toda a vida dedicándome ao que me gusta. Cando quixen xogar ao balonmán xoguei ao balonmán, cando quixen tele, tele… con todo o esforzo que supón pero o acabas conseguindo.
É necesario traballar duro ou tamén inflúe o factor sorte?
Non creo nada na sorte. Aqueles que din ese está aí porque tivo sorte e porque son uns mediocres. Eu tiven a sorte de coñecer a grandes profesionais en distintos campos de traballo e ningún estaba aí por sorte. Son uns currantes natos, moitos deles cun gran talento e todos eles cun talento que sabían que tiñan e apostaron polo campo que dominaban. O da sorte é unha escusa de mediocres.
Nos teus espectáculos non deixas nada a improvisación.
A xente gústalle pensar que chegas alí e poste a falar, pensan que iso de ser gracioso nos sae. Pero a min non me sae ser gracioso, son horas de traballo na casa e formación. Todos os monologuistas bos que coñezo e aos que admiro o fan así, hai moito traballo detrás de cada texto. A improvisación pode saír ben un día pero estamos falando de estar unha hora e media falando para a xente entón ten que haber unha orde, un ritmo, unhas tamáticas. Ten que estar todo moi estudado.
Últimos posts de Tamara Novoa (ver todos)
- Ledicia Costas: «O humor e a infancia moven o mundo» - 25 Outubro, 2024
- Mariña López: «O museo da industria conserveira non debería estar no monte» - 29 Agosto, 2024
- Villa Idalina, pícnic privado con vistas ao Miño - 12 Xuño, 2024
- Ailén Kendelman: «A través do humor podemos saír de situacións dolorosas» - 28 Maio, 2024
- Bruno Arias: «A xente está decatándose de que unha película en galego pode ser boa» - 25 Abril, 2024