CASAACUNHA

Nervo (Rebeliom do Inframundo): «Fixéronnos crer que o amor é unha mentira»

Cristopher Machado Ibáñez (Caracas, 1988), coñecido no mundo artístico como Nervo, é a voz da banda Rebeliom do Inframundo. Aínda que naceu en Venezuela e pasou parte da adolescencia no municipio de Ponteareas, considérase un vigués da parroquia de Teis, onde quedamos para esta entrevista. O xoves 23 publica cos seus compañeiros, Frank, Malvares de Moscoso, Movementss e Pol, o cuarto disco da banda, unha declaración de intencións que perfila un espírito rebelde e idealista que leva por título Amor ou barbarie. (Fotos: P. Vázquez)

Nervo en Guixar | P. Vázquez

Que pode levar a uns rapaces ponteareáns a crear un grupo de rap en 2005?

En Ponteareas deixaron uns bloques de edificios a medio construír porque eran ilegais. Nós xuntabámonos pasabamos o día alí, cun discman e uns altofalantes a pilas dos que non paraba de saír música mentres nos botabamos a rapear. «O Inframundo» era como lle chamabamos a aquel sitio.

Como foi o proceso de sacardes o primeiro disco?

Foi a hostia. Daquela xa se podía gravar en ordenador, pero non tiñamos pasta para o ordenador ou non a queriamos ter, polo que gravamos A Sorpresa en casete. Quedamos abraiados cando as 500 copias que fixemos do disco non duraron nin un mes.

O outono pasado recibistes o Premio Martín Codax na categoría de música urbana. Estades contentos?

O estilo que temos, a nosa forma de facer música e de ser, non comunga moitas veces con algunhas institucións ou lugares. De feito, acudimos pensando que non íamos gañar. Considerabamos que o merecíamos, pero nunca imaxinamos que nolo fosen dar. Co noso premio alegrouse moitísima xente, foi coma se un núcleo de persoas cunha forma de pensar se visen representadas nese galardón. Nós dicimos que Rebeliom do Inframundo non é unha banda, senón un movemento; unha forma de vivir, de pensar e de querer.

Cal é a filosofía dese movemento?

Algúns non nos sentimos identificados con ningún dogma. Nós somos de Churruca, ese é o noso nicho de pensamento. Somos xente normal, que vai ao choio, que baixa á rúa e fala con este ou con aquel, e xa está. Hai que normalizar a vida e as situacións cotiás.

As vosas letras están cargadas de reivindicación…

A arte que non se basea en transmitir ningún tipo de emoción ou de sentimento non é arte.

Aínda que dades moita tralla, tamén reservades un espazo para falar dos sentimentos. De aí o título do novo disco, Amor ou barbarie?

Penso que nos fixeron crer que o amor non existe, coma se fose unha utopía, dixéronnos que é mentira. Nós reivindicamos o amor. Todo tipo de amor, empezando polo amor propio; o amor que se sente pola familia, polas amizades, pola parella, pola puta vida, por unha árbore, por respirar… O amor por vivir! Que pasa? Que se non nos deixan vivir, aí vén a barbarie; loitamos para poder vivir.

Cal foi a vosa evolución como grupo desde A Sorpresa?

A produción dese primeiro disco foi dun corte moito máis clásico a nivel de rap. En Lume e Rebeliom xa metemos bases con instrumentos e logo en Ilegal empezamos a xogar co son electrónico. Na lírica tamén houbo cambios; A Sorpresa ten un contido moi politizado e nos seguintes traballos xa hai un contido máis persoal.

Que contido hai neste álbum novo?

Moitas cores. Divertinme moitísimo gravando. Este disco é Rebeliom do Inframundo facendo o que quere. Ademais o proceso deste traballo foi moi diferente aos anteriores por mor da pandemia.

Pódese considerar «Baila», un dos temas que xa presentastes, un himno pospandemia?

Tiña unhas ganas tolas de saír, e non me refiro a saír de noite, senón a saír da casa. A corentena foi unha movida moi gorda a nivel psicolóxico. Escribín «Baila» en plena confinamento. O tema fala da alma, dun individuo ao que non lle deixan vivir, non lle deixan bailar. A tomar polo cu: sé ti mesmo, flúe e vive. Baila.

Neste disco tamén atopamos o single «Loitando cos demos». Como foi traballar con Wöyza?

Foi moi guai. Eu nunca puxera a voz nunha canción. Escribín esta balada e díxenlle a Frank que ía chamar a Sofi [Wöyza] para cantala con ela. Para min, a voz dela é das mellores que temos no rap galego. Foi a primeira gravación que fixemos no estudio despois da pandemia e fluíu todo de marabilla. Quedamos moi contentos. A verdade é que os grupos de Vigo gozamos temos moita saúde e moi boa onda.

Infelizmente, é inusual que unha banda de rap viguesa escriba en galego.

Eu comecei a escribir en castelán. Aos 16 anos, traballando na construción, empecei a falar en galego e no local social no que paraba dicíanme que se as cancións estivesen na nosa lingua estarían máis guapas. Aquilo deixoume a barrenar, amolábame que non se escoitase o que facía, pero daquela non aínda me decidira a escribir en galego. Á hora de publicar A Sorpresa xa dei o cambio, e fíxeno porque me apetecía. Xa me desintoxicara de certa xente e sentíame liberado. Teño conciencia cultural e non quero que morra a nosa cultura e a cultura empeza no idioma. Están a liquidar o galego.

Esta primavera faredes unha pequena xira de presentación do disco que pasa pola sala Master o 22 de abril. Cal é o mellor concerto que recordas?

Cada un de nós diría un distinto. Eu teño gravado o primeiro concerto que demos no que a miña muller, Iria, estaba embarazada da nosa filla; foi en Ponteareas e para min foi moi especial. Tamén o concerto no festival Revenidas antes da pandemia. É un festival enorme e nós tocabamos despois de Talco e cando saímos alí había como 150 persoas coa camiseta de Lume. Foi unha pasada ese concerto, parecía que Talco fosen os nosos abreconcertos.

Banner A Movidiña

Combinades a música con outros traballos; nunca pensastes en vos dedicar a isto a tempo completo?

Non, porque somos realistas. Ese é un soño que sempre está aí, pero ou marcas un golazo coma o das Tanxugueiras ou non vives. Bota contas: somos cinco persoas; sacando impostos e autónomos, canto teriamos que cobrar ao mes para vivir os cinco e pagar todo iso? Entón, por desgraza, temos que compatibilizar a música con outras cousas. Iso significa quedar para gravar despois do choio, deitarse ás catro da mañá e erguerse ás sete para levar a nena ao colexio para ir despois ao choio con tres horas de sono. Pero feliz por gravar. Ao final tamén engancha ver os resultados. Antes de ser un grupo de música xa eramos un grupo de amigos. Somos colegas e gústanos estar xuntos. Pero é certo que o noventa e pico por cento da xente desiste. Coñecín xente con moito máis talento ca nós que quedou polo camiño. A diferenza é que nós fomos máis testudos e resistimos.

Tamara Novoa
Editora

The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.