REVISTA MARZO

Pendentes do número da sorte

As mans de Patricia son curiosas desde que era cativa. Criada entre os Borrajo, unha familia de xastres e modistas, non puido evitar empezar desde ben pequena a confeccionar vestidos para as súas bonecas e accesorios para todas as súas amigas. Hoxe, Patricia é xornalista, sae as fins de semana na tele, ao pé da noticia. Ademais fixo do seu número da sorte o seu selo persoal. As arelas por continuar cos proxectos artesanais levaron a esta viguesa a crear a súa propia marca: diecisietecosas; así, todo xunto, como algo que xorde de súpeto.

En 2003 regaláronlle o seu primeiro alicate e en 2005 viaxou a Nova York e volveu cargada de abelorios. Desde ese momento, empezou a crear pulseiras personalizadas, pendentes orixinais e a buscar os deseños máis especiais entre provedores de todo o mundo. Primeiro moveuse por puro pasatempo, deixándose empapar polas historias das persoas que acudían a ela e polas últimas tendencias en moda. Xa choveu desde aquela. Agora ese pequeno proxecto xurdido da ansia de crear medrou e pon ao teu alcance unha infinidade de complementos que mesmo poden mellorar a túa mala cara dos luns. Se ti tes unha idea que non sabes como materializar, corre á web diecisietecosas.com para deixala nas mans de ourive de Patricia.

Banner A Movidiña

Tes un evento de etiqueta e necesitas un sombreiro que non deixe a ninguén indiferente? Xa sabes onde acudir. Cres que o mellor complemento son uns bos pendentes que se vexan na distancia? Pon nas orellas flocos, flores e corais. Es un pouco descoidado e deixas as lentes de sol en calquera sitio? Non te preocupes, agora pódelas levar colgadas. E se tes unha mensaxe para alguén especial pódela gravar nunha pulseira para comunicalo dun xeito especial!

Se es amante dos accesorios personalizados que enchen de boa onda cada un dos teus cambios de imaxe, sabemos que seguramente che estean a entrar as présas. Así que, ademais de visitar a web, podes pasar por Alma Salvaxe (rúa de Pintor Laxeiro, 3) e ver algúns dos últimos modelos. E ten coidado se ves pasar á túa beira uns pendentes con forma de andoriña: pode que sexa diecisietecosas voando onda ti para te atrapar.

[Esta reportaxe foi publicada na revista A Movida de outubro 2019 . Podes consultala na versión dixital ou facerte con ela de formar gratuíta nos nosos puntos de distribución. Se queres aproiar o noso proxecto e comezar a recibila na túa casa faite #AMOVIDALOVER ]

The following two tabs change content below.

Estela Gómez

Estela naceu no 92 (o ano de Cobi) preto do mar. É filóloga e correctora literaria, cirurxiá de textos, amiga das redes sociais e ten un interese case innato pola moda e a cultura. Estela é aprendiza de todo e especialista en nada, ten incontinencia verbal crónica, e, grazas á mellor das sortes, as palabras danlle de comer.