CAMELIAS MASCOTAS

Cristina Brea (Fvck): ‘Non podemos deixar que as luces e o entretemento fagociten a cultura’

Os fotógrafos galegos Blas González e Cristina Brea participan en Novis Corpus, un fotolibro promovido por Teresa Uzeda y Gabriela Cendoya, que ten como eixo argumental o confinamento e cuxos beneficios irán destinados aos sanitarios que loitan contra o coronavirus. Brea forma parte ademáis dos colectivos fotográficos Fvck (Fotografía viguesa contemporánea) e AlNorte, nos que defende o lugar da fotografía artística na cultura e promove o seu coñecemento na cidade de Vigo con charlas, difusión de iniciativas e exposicións na Galería Sargadelos.

A dobre páxina de Cristina Brea no fotolibro colectivo Novis Corpus

Como levades desde Fvck o confinamento?

Malamente. Nós programamos a Galería Sargadelos de outubro a xaneiro, polo que xa deberíamos estar traballando na programación, pero agora mesmo vémonos empantanadas entre o que tiñamos pechado e o que se vai mover da primavera ao outono. Non deixamos de traballar, pero aínda estamos aprendendo a xestionar a nova ‘anormalidade’.

Aproveitastes o parón para crear algo novo?

Desde o colectivo non, pero eu estiven involucrada na creación do fotolibro colectivo Novis Corpus no que participei xunto a outros 48 autores, entre eles o galego Blas González.

Como te embarcas neste proxecto?

Foi a través de Facebook como eu coñecín o proxecto. Na primeira semana de corentena, Teresa Uzeda, unha fotógrafa francesa afincada en Cádiz, lanzou a idea en redes sociais. Despois uniuse Gabriela Cendoya, unha eminencia no mundo do fotolibro a quen admiro profundamente. Puxeron o prazo dunha semana para anotarse, en lugar dun cupo, e aló que fomos. Nun primeiro momento tiven medo de onde me estaba metendo, pois non coñecía a moitos dos fotógrafos, pero estou moi contenta co conxunto

O resultado é un libro bastante uniforme para ser sido creado a 96 mans. Había algunha premisa á hora de crear para lograr esta coherencia?

Si, decidiuse que cada un enviaría cinco fotografías en branco e negro e vertical, así axilizábamos a edición e podíamos ter unha dobre páxina a sangue por autor.

E como elixiches as túas?

Eu mandei as cinco que pedían, suxerindo a combinación que finalmente seleccionaron polo ben que funcionan as dúas imaxes xuntas. Nas dúas sae o meu fillo de 10 anos, durmindo sobre min e a través da mampara empañada da ducha. Son dúas fotos distintas, pero custa adiviñar a barreira entre as dúas pois o cristal confúndese cun espello e son pouco nítidas. Quixen transmitir incertidumbre, a palabra coa que eu máis identifico as primeiras semanas de corentena. Non sabíamos canto duraría o encerro nin que pasaría a nivel laboral, social ou sanitario. Neste panorama, a poboación infantil foi da máis afectada, sen poder saír absolutamente a nada e perdendo toda a súa vida paulatinamente. Aínda hoxe, os adultos podemos estar nun bar ata as dúas da mañá, pero os pequenos non poden xogar no parque, porque o que move a desescalada son os cartos.

Como está sendo a resposta do público?

REVISTA NOVEMBRO

Levamos 400 libros vendidos e a edición é de 500, polo que podemos dicir que moi ben. Un dos obxectivos era crear un fotolibro accesible, tanto en formato (medio folio) como en prezo. Custa 12€ máis 5 de gastos de envío e os beneficios destínanse á compra de material de protección para os sanitarios. Pódese pedir a través do mail  librocuarentena@gmail.com, indicando o nome, enderezo e cantidade.

Volvendo ao panorama local, que sensación tes da cultura en Vigo?

Vigo é territorio hostil e agora moito máis. Oobxectivo de Fvck é crear máis público en Vigo, non só para a fotografía, tamén para outro tipo de exposicións, ou o ballet, ou a ópera. Agora mesmo somos poucos os que nos movemos por e para a cultura, pero é, como todo, unha cuestión de estímulos e educación. Se só comes bistec con patacas, non vas querer outra cousa. O tema é acostumbrarnos desde pequenos a comer de todo. O mesmo pasa coas luces e as actividades de fácil dixestión. Non creo que deban desaparecer, podemos tampouco deixar que as luces e o entretemento fagociten a cultura.

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.