O Concurso de Rondallas volve ao Ifevi este domingo
Este ano as rondallas prolongan a tempada de actuacións e todos aqueles despistados que non puideron velas durante o Nadal, terán unha última oportunidade o vindeiro domingo no Ifevi. O recinto feiral acollerá de novo o tradicional concurso de rondallas. Tras a polémica xurdida ao coñecer que o Concello de Vigo non correría cos gastos dun evento no que participan rondallas doutros municipios, a Consellería de Cultura da Xunta anunciou que financiará as próximas tres edicións do certame.
Unha nova que fixo que os rondalleiros puidesen respirar tranquilos. A cita recupera o formato de concurso, tras dous anos nos que soamente era certame. As tres rondallas que acaden mellor puntuación alzaranse con galardón e haberá un premio especial para o mellor conxunto de abandeirados.
O evento comezará a partir das 17:00 horas da tarde do domingo e agarda reunir a máis de 8.000 persoas. Serán once as agrupacións participantes e o farán na seguinte orde: Centro Cultural de Herville, Zamáns, A nosa merced de Chain, Vincios, Santiaguiño de Guizan, Valladares, Pontellas, Parada, Beade, Santa Eulalia de Mos y Torroso.
Charrascaos, pandeiretas, cristos e castañolas interpretarán temas tradicionais da música galega e de ben seguro sorprenderán ao público coa adaptación de temas máis actuais. Algúns conxuntos animaranse a acompañar a música con coreografías e debuxos que fan o evento aínda máis colorido e vistoso.