REVISTA ABRIL

Pontellas álzase raíña no concurso de Rondallas

O son das rondallas volveu resoar no IFEVI e o fixo con forza. Dez rondallas participaron onte no certame, organizado por vez primeira pola Xunta de Galicia, e que recuperou o formato de concurso. A rondalla de Pontellas (Porriño) acadou a primeira posición, segunda foi Santa Eulalia de Mos e o terceiro premio recaeu na de Vincios.

REVISTA ABRIL

Pasadas as cinco da tarde a rondalla de Herville (Mos) saíu a pista do IFEVI para inaugurar o tradicional concurso de rondallas. Chain (Gondomar) tomoulle o relevo con unha actuación vistosa e animada que recibiu os aplausos do público. Interpretaron cancións coñecidas por todos como ‘Los payasos de la tele’ un remix de Mecano ou ‘y ya no puedo más’ de Camilo Sexto. Despois tocoulle a quenda a terceira clasificada: A rondalla de Vincios conquistou ao xurado cos seus sons tradicionais. Seguíronlle as rondallas de Guizán (Mos) e Valladares con unhas actuacións correctas que precederon a un dos conxuntos máis agardados da xornada: a rondalla de Pontellas entrou con forza na pista ao son de ‘Wake me up’ de Avicii e non defraudou. Fixo vibrar ao público con temas como a BSO de Piratas del Caribe e o momento cume da actuación chegou coa interpretación do tema dos Village People YMCA co que levantaron ao IFEVI a bailar. É unha das agrupacións máis numerosas o que se nota ben na forza do seu son, conseguen gran dinamismo coas súas coreografías e movementos a través da pista. Seguiulle a rondalla de Parada (Nigrán) que sorprendeu coa súa evolución e coa interpretación de temas como Oliver e Benji ou otros clásicos da música tradicional. Acto seguido, tocoulle vez a segunda das rondallas participantes de Vigo: a de Beade. Os seus 60 compoñentes comezaron a actuación co tema de Star Wars e adaptaron ‘El despacito’ ao son das rondallas. Santa Eulalia de Mos era outra das favoritas para alzarse campioa, aínda que nesta ocasión tivo que conformarse cun segundo premio, a actuación foi solemne e das máis aplaudidas. O ‘Hey Jude’ dos Beatles no son da gaita paralizou por un momento o IFEVI. Con 120 compoñentes, é unha das rondallas máis numerosas e o seu éxito reside en saber combinar ben tradición e innovación. En derradeiro lugar participou a rondalla de Torroso (Mos) que non sendo das máis coñecidas soubo defender ben a súa actuación.

Tamén houbo premios para os mellores conxuntos de abandeirados, galardóns que recaeron nas mesmas rondallas pero en distinto orden. Os abandeirados de Vincios acadaron a primeira posición, o segundo premio foi para o conxunto de Santa Eulalia de Mos e o conxunto de Pontellas quedou en terceiro lugar.

Un IFEVI a rebentar, máis de 6000 persoas se congregaron para recibir ás rondallas, gozou cun espectáculo que combinou música tradicional con ritmos actuais. Malia ausencia de rondallas con moita tradición como a de Bembrive, Atios ou Freixo, as dez rondallas alí participantes demostraron que esta é unha tradición viva. Cada agrupación esfórzase ano tras ano por mellorar e sorprender ao público innovando o repertorio e a posta en escena.