Catro días cheos de plans se quedas en Vigo esta ponte
Dous festivos seguidos máis unha fin de semana fan que moitos abandonen Vigo por uns días, pero para os que quedan existen plans dabondo para gozar dunha ponte do máis entretida. Moita música, romarías, roteiros, exposicións… se quedas na casa é porque queres! Consulta todos os eventos na nosa axenda.
XOVES 15
No apartado de concertos, durante o primeiro festivo poderemos gozar das actuacións de Iván Ferreiro, Mikel Erentxun e Broken Peach en La Fiesta, no Pazo de Cea (Nigrán). Xa en Vigo atopamos á Monk Blues Band no Vitter, a jam session no Ferry, a Frans Banfield acompañado por Bea de Vatapá e David de Moon Cresta en La Reserva, os Solpores do Museo con Soleá Morente e Budiño no Museo do Mar e o festival San Rock no Chiringuito O Pirata, coas actuacións de Indy Tumbita & The Voodoo Bandits, Nós e Enxeito.
En canto a romarías, temos a da Virxe do Alba e San Bartolomeu no Monte Alba e, por suposto, a de San Roque, que este ano busca ofrecer unha proposta máis renovada e moderna. En A Ramallosa comezará o Val Miñor Fest, un festival de cervexá artesá que durará ata o domingo e contará con actuacións musicais e obradoiros.
VENRES 16
Continuamos aumentando a axenda de plans coa sesión vermú de Bieito Solo na Cervexería Nós e o concerto de Terapia de Grupo en barco dentro do iniciativa Mar de Noches, ademais do concerto de Lemon y Tal en El Rincón de los Artistas. A isto lle sumamos á segunda xornada do San Rock con Baking Blues Band, Los Pontiaks e Satxa, a romaría de San Roque e o Val Miñor Fest, con actuación da banda tributo a Nirvana School.
SÁBADO 17
Ademais de San Roque (concertos de Crónicas Pop e La Patrulla) e Val Miñor Fest (concerto de The Pretty Shirts), o sábado podemos achegarnos ao Pazo de Urzáiz para o concerto tributo a ABBA Dancing Queen. En Vilariño celebran os 20 anos da Festa Folc con Fiandola, Luar na Lubre, Kumpania Algazarra e Dixebra. Xa na nosa cidade, temos concertos de El Pelotón de los Torpes na Cervexería Nós, Los Goonies na terraza de El Castro, The WE Blues Band en El Rincón de los Artistas, o roteiro Misterios e Lendas e distintos obradoiros no edificio Cambón, no centro Salinae e no Museo do Mar.
DOMINGO 18
A ponte remata pero as actividades continúan. O Val Miñor Fest despídese co concerto de Los Pontiaks, e no pazo de San Roque fan o propio con Tony Lomba, Alberto Cunha e Broken Peach como traca final. Sumámoslle dúas visitas guiadas ao Museo do Mar (mañá e tarde), outra visita ao centro Salinae e de novo o roteiro Misterios e Lendas polo centro da cidade.
Estes días tamén poden ser unha boa ocasión para visitar a gran cantidade de exposicións que hai espalladas por toda a cidade, que podes ver na nosa axenda de exposicións. Podes consultar a información detallada do resto destas actividades na nosa axenda.