CAMELIAS MASCOTAS

Caspervek musicalizará en directo ‘Nosferatu’ no GFFF

A recoñecida agrupación Caspervek será a encargada de poñer música en directo ao filme alemán Nosferatu, un clásico do cine de terror e da historia da sétima arte en xeral. A proxección-concerto terá lugar o xoves 24 na sala Videodrome ás 19:30, cunha entrada a 7€ que inclúe dous pases de curtas.

O Galician Freaky Film Festival segue a desgranar pouco a pouco a programación desta 2ª edición, que terá lugar os días 24, 25 e 26 deste mes na sala Videodrome, no Progreso. A última novidade é a proxección de Nosferatu, de F.W. Muranau, musicada en directo por Caspervek Ensemble, o xoves 24 ás 19:30.

A pesar de funcionar normalmente como trío, nesta ocasión Caspervek estará formada por Brais González no piano e sintetizadores, Raquel Fernández no violín, Erea Carbajales no violín e guitarra eléctrica, Blas Castañer na percusión e sintetizadores e Óscar Mourelos na percusión. Caspervek xa levou a cabo unha musicalización en directo desta mesma obra no 2014, sen embargo, aínda que toman aquela experiencia coma un punto de partida, o resultado é totalmente diferente: “os dous percusionistas e as dúas violinistas estarán enfrontados xerando unha especie de Caspervek bífido”, comenta González. 

REVISTA NOVEMBRO

Nosferatu, unha sinfonía do horror, proxectouse por primeira vez en 1922, pero a historia detrás da peli comezaría un par de anos antes de mans do ocultista Albin Grau quen tiña o gran interese de mostrar ó mundo o universo dos vampiros. Facendo unha adaptación libre do Drácula de Bram Stoker (que lle valería una demanda da súa viúva por plaxio), creou a personaxe do Conde Orlok o chupasangue de aspecto máis terrorífico de todos e que non podía expoñerse á luz do Sol. A entrada custará 7 euros e incluirá dous pases de curtametraxes despois da proxección.

A maiores deste evento, polo de agora está confirmada a proxección das seguintes curtas ao longo do festival:

– “La Persistente”, de Camille Lugan
– “Ça Mouille!”, de Alexis Godard e Nan Huang.
– “Hotel Royal Co”, de Rakesh B. Narwami e Paula Villegas.
– “Helsinki 79”, de Pablo Fontenla.
– “Hou Vast”, de Bart Schrijver.
– “Le défi du rade / A wreck in Paradise”, de François Zaïdi.
– “Maldición Fatal” (La Choza de Will), de Alberto Guisande.
– “O.I.”, de N’Cee van Heerden.
– “Desaliento”, de Pinky Alonso.
– “Lay Them Straight”, de Robert Deleskie.
– “Limbo”, de Dani Viqueira.
– “El Llibre”, de Francesca Catalá.
– “Escalada”, de Nacho Solana.
– “Lo Siento Mi Amor”, de Eduardo Casanova