UVIGO
FILLOAS

Alien e o Dinoseto protagonizan o cartel do GFFF

Esta mañá, aos pés dos Dinosetos, presentouse o novo cartel do Galician Freaky Film Festival (GFFF), o evento máis gamberro da cidade. Como cada ano, a imaxe foi obra de María Llauger e Paulo Mosca, na que podemos ver como Alien e o Dinoseto loitan a morte nun entorno desolado. (Fotos: Pablo V.)

Desde hoxe xa coñecemos a nova imaxe do Galician Freaky Film Festival, que se celebrará do 24 ao 26 de outubro na sala Videodrome, no mercado do Progreso. No cartel volvemos a ver a Dinoseto, aínda que neste caso esta acompañado (e sendo atacado) por Alien, o famoso e sanguinolento extraterrestre.

Este ano toda a imaxinería do festival (cartelería, decoración…) xira en torno a este ser, xa que se cumpren 40 anos do filme Alien, obra referencia na historia do cinema de terror. Para crear unha atmosfera que recorde á mítica nave Nostromo, o GFFF conta coas habilidades de Ricardo Spencer, un dos maiores expertos en escenografía e efectos especiais do panorama audiovisual galego.

Esta segunda edición, que pretende superar o millar de asistentes da anterior, batéronse as cifras de películas recibidas os anos anteriores con preto de 200 cintas, chegando obras de lugares coma Chile, Ucraína, EE.UU, Senegal, México, Arxentina, Alemaña ou Brasil. Como din eles, “o mellor do peor”. Unhas 40 películas formarán parte da programación, que se complementará con exposicións, concertos e varias sorpresas.

CAMELIAS NADAL

A través do cine de xénero, de fantasía, de ciencia ficción, terror, fantasía, gore e serie B, preténdese mostrar o lado máis rebelde, desacomplexado e divertido da sétima arte e celebralo con tres días de festa nos que hai cabida para vampiros, robots, lobishomes, extraterrestres, todo tipo de bechos extravagantes e, por suposto, dinosetos.