REVISTA ABRIL

Alberto Iriarte (Iseo&Dodosound): “Moita da xente que nos sigue agora coñeceunos en directo, non online”

Iseo&Dodosound, o dúo de referencia da escena reggae actual a nivel nacional, estarán o vindeiro 5 de agosto en Bueu, dentro do cartel do Festival SonRías Baixas, un dos poucos certames galegos que desde os seus inicios aposta pola cultura do dub e soundsystem. Falamos con Alberto Iriarte, o home ao mando das bases no dúo.

Leire e Alberto, coñecidos artísticamente como Iseo&Dodosound | Cedida

Alberto Iriarte traballaba como Dj de música reggae en Barañáin, un municipio navarro pegado a Pamplona, ata que en 2013 unha feliz coincidencia púxoo en contacto con Leire Villanueva, una cantante e compositora da mesma localidade que, igual que Iriarte, acababa de publicar o seu primeiro traballo. Ainda que ela nunca se prodigara na música xamaicana, Iriarte asegura que a fusión estilísitca entre ambos xurdiu de xeito natural: “Foi un momento bonito, creativo e divertido, no que non sentiamos ningunha presión e, desde logo, non imaxinabamos o alcance do que estabamos creando”. Deses primeiros encontros saiu o EP Dibi dibi, aperitivo do seu primeiro disco, Cat Platoon, composto, grabado e producido por eles dous, que vería a luz no 2014 e que supuxo a presentación oficial de Iseo & Dodosound.

REVISTA ABRIL

Resulta comprensible que os navarros non fosen capaces de imaxinar que 3 anos despois actuarían no Rototom Sunsplash, un dos certames do xénero máis importantes de Europa, que reúne cada ano a máis de 200.000 persoas, e que en 2019 o farían sobre o escenario principal. Nos últimos anos a súa música ten retumbado por palcos de toda Europa e medio mundo. Coñécennos ben en festivais de Italia ou Francia, un país que, para Alberto “conta con moi boas condicións laborais para os artistas, así como infraestrcturas e facilidades”. Tamén cruzaron o charco tres veces para darse a coñecer en Perú e voaron cara o leste en dúas ocasións para actuar na India, onde chegaron a facer unha pequena xira en 2019.

Iriarte cre que o seu éxito se debe, precisamente, ás moitas veces que tocan en directo: “Moita da xente que nos sigue agora coñeceunos en directo, non online. Os concertos crean unha conexión moi forte e dannos a oportunidade de amosar moito máis que un traballo gravado e empaquetado“. Unha das armas secretas dos directos de Iseo & Dodosound son os Mousehunters, un cuarteto de ventos que os acompañan en (case) todos os seus concertos desde hai xa catro anos

A segunda clave do éxito está no eclecticismo da súa proposta. Como acontece coa maioría de formacións musicais a Alberto Iriarte, o compositor de samplers detrás do alterego Dodosound, resístese a encasillar o seu grupo nunha única categoría, pero recoñece que soan bastante a trip-hop, a rama inglesa do hip-hop, de baixa frecuencia, pausado, melódico, pero desbordante de actitude que pegou forte en inglaterra nos 70 e que a os compositores de reggae e dubstep abrazaron con ganas nas décadas posteriores. Pero non sería xusto quedarnos aí, pois o dúo de Iruña acaba de sacar o seu terceiro single este ano, ‘Arigato’, un tema plurilingüe que parece a banda sonora de quen desperta despois dun letargo, nun sitio de sol, lonxe de inglaterra, probablemente no Caribe a xulgar polas percusións.

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.