VIALIA
REVISTA NOVEMBRO

Caracuchos: sabor a chorros

En plena milla de ouro dos bocadillos, con carta e decoración idénticas ao orixinal, a hamburguesería Caracuchos abre un segundo local no centro da cidade; ao emprazamento da rúa de Sevilla súmase un novo restaurante na rúa do Canceleiro, despois de tres anos de ganas e esforzo.

Carlos e Lisa esconden unha filosofía baseada na calidade dos ingredientes, a innovación e, sobre todo, a diversión detrás de cada bocado. O lema «furiosamente divertido» define o ambiente desenfadado e urbano que se respira nos seus locais: paredes adornadas con graffitis, música e un persoal próximo e moi atento definen este restaurante.

A carta é ampla, orixinal e atrevida. A carne, protagonista indiscutible das hamburguesas, é de vaca galega, cunha mestura propia de carne madurada e fresca nunha proporción do cincuenta por cento. Unha combinación que garante unha hamburguesa zumarenta, saborosa e cun punto de intensidade equilibrado. Outro dos signos de identidade de Caracuchos é o pan, elaborado artesanalmente cunha textura lixeiramente doce, sen chegar a ser o omnipresente brioche, que contrasta co sabor intenso da carne. O resto de ingredientes son sempre frescos e elaborados cada día na cociña do local.

Entre a variedade de hamburguesas que ofrece Caracuchos, destaca «La Chiqui»,galardoada como a terceira mellor hamburguesa de Galicia no 2023. Leva dúas hamburguesas de vaca vella, beicon afumado, queixo provolone, cebola crocante e salsa de Jack Daniel’s —a célebre marca de whisky americano da que son o único bar oficial da cidade—. Se falamos de galardóns tamén debemos mencionar «La Rosé» que este ano acadou a segunda posición no Burguer Combat Regional.

REVISTA NOVEMBRO

Pero se hai unha hamburguesa que seduce a clientela e repercute nas redes sociais é a «Burger 4 quesos». Esta pegañosa delicia culinaria, só apta para persoas de moi bo dente, leva 200 gramos de carne, beicon, queixo Cheddar, queixo Tetilla, queixo de Pesto Verde, todo bañado con salsa de catro queixos. O prato vén acompañado dunhas luvas para que o comensal poida gozar dunha experiencia gastronómica moi particular. Tamén chaman a atención as «Sugar Burgers», tres hamburguesas cun toque doce que só se serven no local durante as fins de semana. Unha vén en pan de dónut, outra entre gofres e a terceira é unha mestura alucinante que combina carne, salsa barbacoa afumada, pementos xalapeños e unha cobertura de chocolate branco e galleta Oreo.

O nome do local procede do termo que popularmente se utiliza para denominar a xente que nace da unión de alguén de Caracas con alguén de Maracaibo. Venezuela é o país de orixe dos donos do local, cuxa gastronomía tamén ten cabida na carta. Ademais das súas famosas hamburguesas, Caracuchos ofrece unha pequena variedade de pratos entre os que destacan os tequeños, un clásico da gastronomía venezolana e aperitivo perfecto para abrir o apetito, entre os que chama a atención o «Tequetón», un tequeño xigante recheo de carne e vexetais que se come coma se fose un hot dog. Para os máis lambóns tamén se serven tequeños en versión doce, recheos de chocolate ou doce de leite, que son a opción perfecta para rematar un xantar digno de pecado.

Rúa de Sevilla, 12; rúa do Canceleiro, 5 | caracuchos.es | @caracuchos_furiousfood