VIALIA
PLAYDOC

Sabor & Mesa, enxovais de calidade e sostibles para as túas celebracións

A viguesa Belén Touceda é a creadora de Sabor & Mesa, un orixinal proxecto que busca maximizar o desfrute nas celebracións ofrecendo enxovais desbotables, pero sempre cun gran coidado estético. Ademais oferta talleres de cociña e protocolo.

De sempre, na casa de Belén Touceda celébranse as datas importantes, polo que non era estraño que se xuntasen unha chea de familiares arredor da mesa. Lembra á súa nai cociñando con esmero e decorando a mesa cunha boa vaixela, un mantel a xogo e centros de mesas florais feitos por ela. O que xa non recorda con tanta ledicia era o que acontecía ao rematar de cear: as mesmas persoas que cociñaban eran as mesas que recollían a mesa. Por suposto, todas mulleres.”Chegou un día no que pensei ‘acabouse!’, xa que cociñamos polo menos non ter que pasar traballo ao recoller“, di Belén.

Así xurdiu Sabor & Mesa, unha empresa que ofrece enxoval reutilizable ou dun só uso pero sempre produtos de calidade, sostibles e estéticos. Os materiais que máis utiliza son papel, cáscara de arroz, bambú e, de xeito ocasional, plástico sen PEAD, isto é, poliestileno de alta densidade.

Belén Touceda

O feito de utilizar pratos de papel é habitual nos aniversarios dos pequenos, pero non tanto para outro tipo de eventos, quizais porque se relaciona con algo infantil ou de pouco nivel. Belén quere romper con esa concepción insistindo no apartado visual e no coidado á hora de decorar a mesa. Esta orixinal idea, segundo as súas pesquisas, é única en Galicia e é ideal para calquera tipo de celebración. Os produtos chegan todos á dirección ofrecida e, se é preciso, mesmo pode acudir a domicilio a colocar ela todo o enxoval.

REVISTA MAIO

Un dos puntos fortes son os manteis personalizados que ela mesma deseña, ideais para aniversarios ou ceas de Nadal. Tamén ofrece este servizo a locais de hostalería e restauración. Os seus dez anos de experiencia, decorando veladas especiais en hoteis ou realizando eventos de carácter benéfico, avalan o seu bo facer.

A maiores, esta apaixoada dos fogóns tamén ofrece cursos de cociña, onde aprender novas habilidades culinarias e facer receitas prácticas, sinxelas e saudables. Outro dos talleres é de protocolo e etiqueta, para aquelas persoas interesadas en saber que garfo utilizar nos entrantes, en que copa botar o viño ou con que coitelo cortar o peixe. Tamén podes consultar o seu blog, onde escribe sobre protocolo, enxovais, hostalería, hoteis, datas sinaladas e demais temas de interese.

Sabor & Mesa | saborymesa.com | 698 166 124 | info@saborymesa.com | @saborymesa