Bruno Costas (The Riggos): “Marcarse obxectivos moi ambiciosos só provoca frustración”

Bruno Elvis Costas non encaixa coa imaxe que temos do clásico frontman dun grupo de punk rock. É un tipo calado, comedido e pouco dado aos malos hábitos da noite; nada que ver coa estrela do rock pola que loce ese peculiar segundo nome. De feito, ao descolgar o teléfono confesou que estaba a almorzar mentres escoitaba á cantautora escocesa Amy Macdonald. En 2011 fundou, xunto co seu irmán menor Yago Ray (por Ray Charles) e uns amigos, The Riggos, unha banda que facía versións dos temas dos seus ídolos daqueles inicios e que aínda perduran: Foo Fighters, Blink-182, Nirvana, Jet, The Offspring ou Kaiser Chiefs, aos que chegaron a telonear no verán de 2017, no Festival Noroeste da Coruña.

Bruno Costas nun concerto na Sala Contrabajo en 2018 | P. Vázquez

Elvis Presley e Ray Charles son dous dos ídolos do seu pai, o fundador de Siniestro Total, Aerolíneas Federais e Os Feliz: Miguel Costas. “Non me apaixona a idea de ser única e exclusivamente coñecido por ser fillo seu, pero evidentemente é o noso pai, querémolo moito e gústanos o que fai”, confesa Bruno. Por desgraza ou por fortuna, os Riggos non son o suficientemente famosos como para que a sombra do seu pai lles afecte en demasía: “Non me gusta que saian artigos dicindo ‘os fillos de Miguel Costas publican tal cousa’… podes dicir iso, pero di os nosos nomes tamén”.

Tras fundarse hai xa unha década, os Riggos comezaron a rodar como banda antes do lanzamento do seu primeiro e, ata a data, único disco, publicado o 23- F de 2018, xa con Denis Carballás e Arturo Peixoto na formación. Matiza tamén que, a pesar de que a música non é a súa principal ocupación, “non o chamaría pasatempo, porque nolo tomamos en serio; non é como quedar polas tardes para xogar ao Monopoly”. Con todo, admite que non lles dá “os cartos suficientes para vivir de iso”.

O pasado 5 de febreiro viu a luz o seu novo single, ‘Mundo natural’, que continúa fiel ao son do primeiro disco, pero con matices: “é o mesmo estilo, pero outro rollo; está moito máis definido e é máis contundente, moito máis próximo ao que nos gusta”. A banda toma como base o punk e o rock alternativo, incorporando elementos máis próximos ao metal pero sempre coa melodía e a harmonía como eixo. Por iso, e aínda que son xenerosos coas pasaxes instrumentais e o protagonismo das seis cordas é total, non atopamos demasiados sós de guitarra.

Ao preguntarlle se esperamos novo disco, responde con retranca: “Esperar ides esperar…”. A realidade é que xa está practicamente terminado, e do mesmo xeito que o seu primeiro traballo, está producido polo escritor e músico Pedro Feijoo. “Esperamos sacalo este ano, pero depende ao 200% de como estea a situación”, confirma Bruno, que tamén cre que non ten sentido lanzar un disco sen poder presentalo en directo. Lembremos que en Galicia as salas de concertos levan pechadas case un ano, o que está a acabar co tecido cultural de base e poñendo aínda máis dificultades, se cabe, ás bandas emerxentes como The Riggos, que seguen adiante cunha mestura de resignación e optimismo.

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É co-director do documental 'Cuna de Músicos', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo en festivais de cine como o de San Sebastián e Novos Cinemas.
X