VEGANA

Dez anos do Desafío Boot Camp, a carreira de obstáculos máis emblemática do noroeste peninsular

O Desafío Boot Camp, a carreira de obstáculos máis emblemática e popular do noroeste peninsular, reunirá a máis 2.000 participantes na praia de Samil o domingo 6 de outubro para celebrar o seu décimo aniversario. Podes inscribirte premendo aquí.

Unha das OCR pioneiras do panorama español e a máis popular do circuíto galego congregará, o domingo 6 de outubro, na praia de Samil de Vigo, a máis de 2.000 participantes que correrán 6 quilómetros e tentarán superar 35 obstáculos. Os participantes distribuiranse nas seguintes categorías: elite, popular competitiva e popular party. Esta última é unha experiencia en se mesma para todas as persoas que queren vivir unha experiencia diferente nunha contorna única e como inicio a este tipo de carreiras.

Como aliciente para os elite, Desafío Boot Camp é proba clasificatoria para o campionato internacional OCR World Championship, para a liga nacional AOCO e para a liga galega OCRA Galicia. Por outra banda, a proba contará con categoría infantil nun percorrido adaptado que permitirá aos máis pequenos da casa facer deporte e divertirse en dúas categorías adaptadas ao seu rango de idade, entre os 4 e 12 anos.

Tras dez edicións consecutivas, Desafío Boot Camp posicionouse como axente tractor no ámbito do turismo deportivo, xa que atrae visitantes a Vigo e a súa provincia de toda a península. A pasada edición, máis do 10% tiñan carácter internacional, provindo na súa gran maioría de Portugal e, grazas ao evento, xeráronse máis de 700 pernoitas.

Este ano Desafío Boot Camp contará coa participación de Down Vigo en calidade de asociación convidada, e terá, como en pasadas edicións, un compoñente de sustentabilidade, xa que conta cun dorsal solidario que irá destinado integramente ao Proxecto CoRRRes, unha iniciativa de Diesemm para reforestar os montes galegos grazas á recollida e reciclaxe de tapóns.

As inscricións poden formalizarse ata o 1 de outubro a través da web da carreira.

REVISTA OUTUBRO
The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.