CAMELIAS MASCOTAS

Bouzas convértese no barrio do amor con ‘Eu Namorei en Bouzas’

Eu Namorei en Bouzas é o nome da exposición que recolle en 150 fotografías parellas de todo tipo e idade con algún tipo de vínculo co barrio vigués. Poderá visitarse do 7 ao 29 de setembro, de luns a sábado, na histórica Casa do Patín.

Desde agora ata que finalice o mes poderemos visitar a exposición fotográfica Eu Namorei en Bouzas, unha homenaxe ao amor e a un barrio que marcou a vida de decenas de parellas. A mostra estará dispoñible na recén restaurada e infrautilizada Casa do Patín, en pleno corazón de Bouzas.

REVISTA NOVEMBRO

Este proxecto naceu fai aproximadamente un ano, e a pesar de que nos seus inicios non contou cunha gran acollida, pouco a pouco a xente foi deixando de lado os complexos e compartiu coa Asociación Cultural da Vila de Bouzas as súas fotos. Especialmente os máis maiores, para os que as súas fotos de voda e de noivos son un auténtico tesouro. Así, a foto máis antiga que poderemos atopar na mostra data de 1900. As décadas máis documentadas son as comprendidas entre 1940 e 1960 mentres que, curiosamente, apenas atopamos fotografías actuais, tempos nos que acumulamos máis e máis imaxes.

Quizais moitas das fotografías non destaquen pola súa estética, xa que a maioría son de carácter doméstico. O especial deste grupo de imaxes é o seu valor sentimental e a historia que hai detrás de cada unha delas, especialmente das máis antigas, que foron escaneadas e devoltas aos seus donos. Bouzas pode estar presente nas fotografías ou simplemente ser parte do contexto delas: as instantáneas non teñen porque estar sacadas neste barrio, senón que chega con que algún membro da parella nacese ou vivise alí, ou que ambos se coñecesen neste emblemático lugar.

A presentación, que tivo lugar o venres 7 ás 19:30, estivo cargada dunha gran emotividade, ao estar presentes nela moitas das persoas retratadas nas imaxes e os seus familiares. Catro membros da Orquestra Clásica de Vigo foron os encargados de poñer a banda sonora a esta especial velada que ten ao amor e a Bouzas como os seus protagonistas principais.

(GMT+01:00) Casa do Patín

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.