Bouzas convértese no barrio do amor con ‘Eu Namorei en Bouzas’
Eu Namorei en Bouzas é o nome da exposición que recolle en 150 fotografías parellas de todo tipo e idade con algún tipo de vínculo co barrio vigués. Poderá visitarse do 7 ao 29 de setembro, de luns a sábado, na histórica Casa do Patín.
- Paz e Daniel fronte á súa foto
- Catro membros da Orquestra Clásica de Vigo amenizaron a inauguración
- Dous mozos vendo aos seus familiares nas fotografías
- Moita afluencia na inauguración da exposición
- Isabel e Juan posando xunto ás súas imaxes
Desde agora ata que finalice o mes poderemos visitar a exposición fotográfica Eu Namorei en Bouzas, unha homenaxe ao amor e a un barrio que marcou a vida de decenas de parellas. A mostra estará dispoñible na recén restaurada e infrautilizada Casa do Patín, en pleno corazón de Bouzas.
Este proxecto naceu fai aproximadamente un ano, e a pesar de que nos seus inicios non contou cunha gran acollida, pouco a pouco a xente foi deixando de lado os complexos e compartiu coa Asociación Cultural da Vila de Bouzas as súas fotos. Especialmente os máis maiores, para os que as súas fotos de voda e de noivos son un auténtico tesouro. Así, a foto máis antiga que poderemos atopar na mostra data de 1900. As décadas máis documentadas son as comprendidas entre 1940 e 1960 mentres que, curiosamente, apenas atopamos fotografías actuais, tempos nos que acumulamos máis e máis imaxes.
Quizais moitas das fotografías non destaquen pola súa estética, xa que a maioría son de carácter doméstico. O especial deste grupo de imaxes é o seu valor sentimental e a historia que hai detrás de cada unha delas, especialmente das máis antigas, que foron escaneadas e devoltas aos seus donos. Bouzas pode estar presente nas fotografías ou simplemente ser parte do contexto delas: as instantáneas non teñen porque estar sacadas neste barrio, senón que chega con que algún membro da parella nacese ou vivise alí, ou que ambos se coñecesen neste emblemático lugar.
A presentación, que tivo lugar o venres 7 ás 19:30, estivo cargada dunha gran emotividade, ao estar presentes nela moitas das persoas retratadas nas imaxes e os seus familiares. Catro membros da Orquestra Clásica de Vigo foron os encargados de poñer a banda sonora a esta especial velada que ten ao amor e a Bouzas como os seus protagonistas principais.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Underfest Xacobeo: o rara avis dos festivais galegos volve brillar con luz propia - 17 Novembro, 2025
- O Underfest trae por primeira vez a Galicia as ilustracións orixinais dun músico de culto - 12 Novembro, 2025
- Revista de novembro: 50 anos de desmemoria - 31 Outubro, 2025
- Moon Cresta, dani dicostas, Broken Peach… Novidades musicais locais para o Samaín - 31 Outubro, 2025
- O Concello incrementa o orzamento de Cultura para 2026 en máis dun millón de euros - 29 Outubro, 2025










