Baruta, unha nova etapa para os creadores de La Ruta
Ricardo Antela quere continuar a boa reputación da hamburguesería La Ruta nun novo local en García Barbón: Baruta. Un restaurante no que desfrutar a todas horas do día, dun almorzo contundente, da carne no seu máximo explendor ou de especializades da súa terra natal, Venezuela.
Este local acaba de facer a súa aparición en García Barbón a zona con máis e mellores hamburgueserías por metro cadrado na cidade, pero isto non supón un problema para Ricardo Antela, todo un experto no sector: desde o 2014 estivo á fronte de La Ruta, un restaurante de comida americana que acadou sona na cidade. Mudando de local e de nome, mantén o celme: cociña norteamericana e mestiza con especialidade en hamburguesas e moito cariño en cada unha delas, algo que resulta evidente pola calidade das carnes e a elaboración caseira de todos os condimentos.
Nesta nova etapa, a carta amplíase cun menú do día en que o primeiro prato está baseado na cociña venezolana (como os patacones ou as arepas torradas) e o segundo é unha hamburguesa fóra de carta, carne á grella ou un zanco de pavo asado durante horas. Pratos moi saborosos, inspirados nos estadounidenses diners e nos que a carne é a protagonista.
Á hora do almorzo saen da cociña cousas tan suculentas como gofres coroados con touciño e ovos fritidos, tortitas con froitas de temporada ou torradas con ricotta e tomates confeitados. Un festival de sabores propios dos almorzos americanos no que tamén temos alternativas máis lixeiras e saudables e un dos mellores cafés da zona.
García Barbón, 37 | 986 03 17 24 | baruta.es | @baruta.burger
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- Piacere, mirando o mar - 11 Decembro, 2024
- Alium, con gusto e sen glute - 7 Decembro, 2024
- 70 anos de sabor: Pereira publica un receitario creado por Rafa Centeno e Inés Abril - 4 Decembro, 2024
- Omichi: o camiño do bo ramen - 28 Novembro, 2024
- A quen queres ver en Castrelos en 2025? - 22 Novembro, 2024