Barrios do sétimo arte co VIII Festival Primavera do Cine
A nova edición do Festival Primavera do Cine aposta, unha vez máis, por achegar o sétimo arte lusófono ás rúas de Vigo coa organización do Cine nos Barrios. Proxectaranse, en colaboración coa Embaixada de Brasil en Madrid a Asociación Veciñal Novo Vigo e Novocine , dous filmes con autoría brasileña dos autores Selton Mello e Tiago Arakilian.
As rúas da cidade converteranse de novo nunhas particulares salas de proxeccións coa oitava edición do Festival Primaveira do Cine, que se celebrará do 22 de abril ao 5 de maio. Os barrios de Navia e o Casco Vello Alto acollerán o visionado das películas “O filme da minha vida” e “Antes que eu me esqueça” os días 26 e 27 de abril , respectivamente.
A primeira parada deste tour cinematográfico será no barrio de Navia. As persoas que asistan á proxección de O filme da minha vida, de Selton Mello, na Rúa Teixugueiras, o venres 26, ás 21:30 horas, serán cómplices dun mozo namorado do sétimo arte e da poesía que, logo de graduarse na universidade, descubre que o seu pai marchou a Francia. As e os espectadores acompañarán ao protagonista no descubrimento das circunstancias que explicarán os motivos da partida do seu proxenitor.
A Praza do Abanico do Casco Vello alto é a segunda parada do Cine nos Barrios. Ás 21:30 horas o protagonista de Antes que eu me esqueça, de Tiago Arakilian, tomará unha decisión que mudará a súa vida. Esta decisión traerá consigo certas desputas familiares, que, logo dun encontro forzado, producirán novos cambios nas relacións.
Dentro da programación do festival, o produtor, guionista, docente e investigador de cine Manolo González recibirá a mención honorífica do Primavera do Cine. Este acto terá lugar o 1 de maio ás 21.00 dentro da gala de inauguración. Premiase a González pola súa labor no eido do cinema e da historia audiovisual galega. A organización destaca, tamén, a súa labor didáctica e de promoción do sétimo arte galego. Neste acto, que será diante do Mercado do Calvario, proxectarase de forma gratuíta un filme de sección oficial.
Imos coñecendo tamén a banda sonora do festival. O grupo vigués Basanta vén de confirmar a súa participación nesta oitava edición do Primavera do Cine. Na pasada edición do festival obtiveron o galardón do público ao mellor videoclip por Inferis e nesta ocasión ofrecerán un concerto de fin de festa na Iguana antes da gala de clausura do festival e da entrega de premios. A banda de rock psicodélico, combina folk, pop, rock e melodías setenteras con indie.
Eva M. Porto
Últimos posts de Eva M. Porto (ver todos)
- Pablo Rodríguez: «En Madrid vendeuse máis en galego que en castelán» - 11 Maio, 2020
- Ana Fontenla: «Hai moita calidade na literatura galega, creo que é unha bomba que vai estoupar» - 11 Maio, 2020
- Mónica Bernández e Miguel Lima: «O galego fai barrio e o barrio fai galegofalantes» - 11 Maio, 2020
- Miss Toxo, 50% haterismo e 50% feminismo - 16 Maio, 2019
- Coruxo Móvese pola inclusión - 7 Maio, 2019