REVISTA MARZO

O Primavera do Cine organiza un ciclo de cine brasileiro como previa ao festival

Brasil é o país convidado nesta edición do Primavera do Cine. Para ir quentando motores o festival organiza un ciclo de cine brasileiro que se celebrará entre o 30 de abril e o 3 de maio nos Multicines Norte.

O cinema brasileiro chega a Vigo a vindeira semana. Como previa ao Primavera do cine, que se celebrará entre o 8 e o 13 de maio, a organización do festival presenta un ciclo de cine brasileiro que terá lugar nos Multicines Norte e será totalmente gratuíto. Brasil é o país invitado na VII edición do festival olívico e por ese motivo se presenta esta iniciativa que pretende achegar ao público vigués ao cinema que se está a facer no país brasileiro. Proxectaranse catro filmes entre o 30 de abril e o 3 de maio; cada un dos pases será ás 20:10.

Os filmes:
O ciclo abrirase o luns día 30 de abril con ‘O filho eterno’ de Paulo Machline, un drama ambientado no ano 1982, no que un aspirante a escritor afronta o nacemento do seu fillo con Síndrome de Down.

Banner A Movidiña

O 1 de maio a mostra continuará con ‘O silencio do céu’ de Marco Dutra, un intenso thriller protagonizado por Leonardo Sbaraglia que aborda o tema da violación, os segredos familiares e o sentimento de culpa.

O día 2 será a quenda de ‘O pequeño segredo de David Schürmann’, un filme construído a través de tres pequenas historias entrelazadas en torno a unha nena e un segredo e como o destino pode unir a persoas de todas as partes do mundo. Esta película foi a escollida para representar a Brasil nos Óscar de 2017 e no mesmo ano alzouse co Gran Premio do Cinema Brasileiro aos mellores efectos visuais concedido pola Academia Brasileira de Cinema.

Por último, o 3 de maio pecharase o ciclo coa proxección de ‘Sob pressão’ de Andrucha Waddington, unha cinta que se mete de cheo no día dun cirurxián de urxencias dun hospital ao que chegan á vez un traficante, un policía militar e un neno de familia rica, todos eles envoltos nun tiroteo nunha favela. Tanto o actor principal, Julio Andrade,
como un dos actores de reparto, Stepan Nercessian, foron galardoados polas súas actuacións no Festival de Río 2016.