CAMELIAS MASCOTAS

Azul industrial case residencial

Se hai unha soa rúa que reflicte a idea de abrir Vigo ao mar, esa é a de Jacinto Benavente. O seu pasado industrial está relacionado, como non podía ser doutro xeito, co mar: o abandono e a expectativa de transformación plasmada e postergada en diferentes plans urbanísticos ao longo dos anos. Unha rúa que fai defronteira entre o Porto o Concello. Polo nome se cadra moitos non son quen de situala, pero se dicimos que, entre unha paisaxe de naves industriais, nesta vía se atopan o auditorio por excelencia e o hotel máis moderno da cidade, a maioría xa caerá na conta de que rúa estamos a falar.

A min, que me criei uns metros máis arriba desa liña de costa e que deambulei tanto por esa fronteira onde acababa a industria do mar e comezaban as vivendas, impresionábanme esas grandes naves que ocultaban o porto. Entre todas, unha enorme, dun azul intenso, un azul que aínda hoxe dirixe a miña mirada pola rúa abaixo, azul mariño. É unha visión da miña infancia e que perdura no presente: a forma da fachada e do tellado en serra tan peculiar, as xanelas estreitas e alongadas co reflexo do sol nelas e, sobre todo, ese azul que representaba todo sendo, sen sabelo daquela, parte da imaxe de marca dunha das empresas locais máis poderosas na industria pesqueira mundial.

A rúa vaise transformando. O mellor exemplo é a construción dese proxecto tan afouto que foi o auditorio do Mar de Vigo nunha contorna baleira, como primeiro gran paso para a transformación residencial.  Pero para unha cidade o cambio é un proceso normalmente lento, a longo prazo, e que neste caso aínda está a medias. Por unha banda, a parte que depende da Autoridade Portuaria, as naves que dan á Avenida da Beiramar fóronse recuperando para a actividade frigorífica. Namentres que pola outra banda, na beira que depende do Concello xa que logo, segue ocupada por grandes naves abandonadas, entre elas ese edificio azul.

REVISTA NOVEMBRO

Sen dúbida, a beleza escondida que pode ter un lugar abandonado transfórmase cando estes espazos se recuperan para o uso e o aproveitamento da sociedade, e Vigo xa ten experiencia en lugares felizmente recuperados. Entre tanto, a aspiración de reconverter esta rúa industrial en residencial, está á espera dun mellor momento.

Texto e fotos Fernando Laconde

[Esta reportaxe pertence á revista A movida de Outubro de 2018. Se queres comezar a recibir un exemplar na túa casa, apoiar o noso proxecto e participar en numerosos sorteos, faite #AMOVIDALOVER nesta ligazón. ]

The following two tabs change content below.

Fernando Laconde

O fotógrafo Fernando Laconde, cursou psicoloxía en Santiago de Compostela onde comezou a formarse na súa paixón, a fotografía perfilándoa coma ferramenta pedagóxica e comunicativa. Na actualidade, traballa diversas temáticas fotográficas, dende fotografía arquitectónica e de interiores ao retrato e moda, pasando pola fotografía documental sobre o leste de Europa.