VEGANA

Case 50 locais vigueses están adheridos ao bono cultural

Desde este luns día 1 de novembro e ata final de ano xa podemos utilizar o bono cultural da Xunta en case 50 establecementos e empresas da comarca. Este desconto afecta á metade do prezo de cada un dos produtos ou servizos que adquiramos ata chegar á contía de 50€.

Unha rapaza consultando un libro en Librouro | U. Soliño

O bono cultural da Xunta de Galicia xa é unha realidade. Ata finais de ano dispoñemos de 50€ nunha billeteira dixital para gastar en diferentes produtos ou servizos relacionados coa cultura: música, libros, videoxogos, cinema, cómics, teatro… O seu funcionamento é ben sinxelo: só temos que rexistrarnos na web habilitada e posteriormente descargarnos unha app onde albergar un código QR que utilizaremos en cada compra que realicemos nun destes establecementos adheridos. Este bono está dirixido a calquera persoa maior de idade que resida en Galicia.

A metade de cada transacción será descontada dos 50€: así, se mercamos unha entrada de cine por 5€, co bono cultural só pagaremos 2,50€ e na nosa billeteira virtual nos quedarán 47,5€ para o resto de compras. Un sistema simple e ben útil para estes meses previos ao Nadal, nos que o consumo aumenta considerablemente.

REVISTA OUTUBRO

Onde poderemos utilizalo en Vigo? Se o noso é o cine, podemos pasarnos polos Multicines Norte ou pola web do Galician Freaky Film Festival, onde teñen un merchan ben molón. No referente aos libros, hai dabondo onde escoller: Librouro, Cartabón, Versus, Ávalon, Zoila, Duende, Nobel, Libro’s, Casa del Libro, Vigo, Don Bosco, Mobby Dick, Domapa… mesmo algunhas especializadas en literatura infantil, como Libros para soñar, Arrolos de mai, Patapum ou A Pita Cega. Tampouco faltarán novelas gráficas e mangas en Mazinger ou Banda Deseñada. En canto á música, témola en formato físico (Honky Tonk) ou en directo (Orquestra Clásica de Vigo e Sweet Nocturna). O teatro poderemos gozalo na Sala Ártika ou aprendelo en ImaxinaTea.