Axudámoste a planificar a axenda festivaleira deste verán
Con este tempo chuvioso quizais é difícil imaxinalo, pero non queda tanto para que Galicia e o norte de Portugal se enchan de festivais de música para todos os gustos. Aquí vos deixamos as datas e carteis (en caso de habelos) dalgúns dos máis relevantes. Tomade nota, que despois chegan as présas!
EMIGRASON (9 marzo en Bruxelas)
O festival máis madrugador do ano non é en Galicia, pero posiblemente sexa o máis galego desta lista. Creado o ano pasado por un grupo de rapaces e rapazas galegas emigrados en Bruxelas, repiten este 2024 nunha sala máis grande, con todos os abonos esgotados e un cartel integramente en galego: Grande Amore, The Rapants, Lontreira, Catuxa Salom e Ataque Escampe. Podedes ler aquí a nosa crónica da edición pasada.
O SON DO CAMIÑO (30 maio -1 xuño no Monte do Gozo, Santiago)
Un dos festivais máis multitudinarios de Galicia volve cun cartel encabezado polos norteamericanos Green Day, un dos grande grupos de punk rock da historia. Xunto a eles estarán Thirty Seconds to Mars, Pet Shoy Boys, J Balvin e Myke Towers, entre moitos outros. O festival, que xa conta con todos os abonos esgotados, segue a apostar polo eclecticismo musical un ano máis.
SURFING THE LÉREZ (14 e 15 xuño en Pontevedra)
Un dos festivais de pequeno ou medio formato máis interesantes dos últimos anos celébrase a 30 quilómetros de Vigo, na pontevedresa Illa das Esculturas. Aínda non se coñece o cartel, pero vendo os dos anos anteriores seguro que paga a pena telo en conta.
RESURRECTION FEST (26-29 xuño en Viveiro)
O festival de metal máis importante de España trae a Viveiro catro días da mellor música extrema a nivel internacional. Algúns dos cabezas de cartel son Avenged Sevenfold, Alice Cooper, The Offspring, Corey Taylor, Machine Head, Sum 41 ou Megadeth.
PORTAMÉRICA (4-6 xullo en Portas)
O evento que ten como obxectivo unir as dúas beiras do Atlántico propón grandes artistas a nivel internacional (Juanes, Lila Downs, Toquinho) e nacional (Vetusta Morla, Xoel López, Arde Bogotá, Luz Casal).
O GOZO FESTIVAL (6 xullo no Monte do Gozo, Santiago)
Segunda edición do Gozo Festival, un evento que propón numerosos concertos internacionais por Galicia adiante e que xunta algúns dos máis potentes nunha xornada en Santiago. O cabeza de cartel indiscutible deste ano é Ed Sheeran, un dos artistas máis populares do mundo, que estará acompañado por Bomba Estereo ou Milky Chance.
PRIMAVERA SOUND PORTO (6-8 xuño en Porto, Portugal)
Outro dos eventos máis multitudinarios a menos de dúas horas de Vigo é a edición portuguesa do xigante Primavera Sound, este ano encabezado por Lana del Rey, PJ Harvey, Pulp, Justice ou The National.
FESTIVAL AFLUENTE (12 e 13 de xullo en Ponteareas)
Novo festival moi preto de Vigo. Entre os artistas confirmados, con bastante presenza galega, están Carlangas, Boikot, Depresión Sonora, Shego, Grande Amore ou Mondra.
O GOZO FESTIVAL BBF (13 xullo no Monte do Gozo, Santiago)
Unha das novidades deste ano do Gozo Festival é unha xornada dedicada exclusivamente á electrónica, protagonizada por nomes como Hardwell, Armin Van Buuren, Claptone o Fedde Legrand.
MORRIÑA FEST (26 e 27 xullo no estadio de Riazor, A Coruña)
Este mércores o macrofestival herculino deu a coñecer o primeiro avance do cartel desta edición, con nomes como Aitana, Louis Tomlinson, Yandel, Nicki Nicole, Dani Fernández, Sen Senra, La La Love You ou Dorian.
17º RIBEIRA SACRA (26-28 xullo na Ribeira Sacra)
Aínda sen cartel e sen abonos á venda, o único que sabemos son as datas e a fermosura das paisaxes onde estarán emprazados os diferentes escenarios.
SONRÍAS BAIXAS (1-3 agosto en Bueu)
Igual que no anterior caso, polo momento só coñecemos as datas deste festival caracterizado pola música punk, rock, ska e mestizaxe.
SONIC BLAST (8-10 agosto en Moledo, Portugal)
Un dos grandes festivais de rock e metal da contorna está na raia que separa Galicia de Portugal. Algúns dos artistas que actuarán en Moledo son Viagra Boys, Graveyard, Brant Borj Trio, Sunami ou Wine Lips.
PAREDES DE COURA (14-17 agosto en Paredes de Coura, Portugal)
Festival de culto cun cartel cheo de artistas independentes de diferentes estilos. Polo momento están confirmados Cat Power, The Jesus and Mary Chain, Slowdive, Baxter Dury, Wednesday, Sleater-Kinney, Destroy Boys, Branko e Benjamim, entre outros.
VILAR DE MOUROS (21-14 agosto en Vilar de Mouros, Portugal)
Este evento portugués de rock presume de ser o festival máis antigo da península ibérica, pois a súa primeira edición foi en 1965. O cartel está por coñecer, pero cada ano logran traer nomes relevantes da escena rock e metal.
RÍO VERBENA FEST (23 e 24 agosto en Pontevedra)
Segunda edición deste evento á beira do Lérez no que actuarán Amaral, Baiuca, Lori Meyers, Los Zigarros, Sarria, Siloé, Vicco e Viva Suecia.
REVENIDAS (12-15 setembro en Vilaxoán de Arousa)
Un dos eventos que máis apostan pola música galega e en galego xa ten datas pero aínda non desvelou o cartel.
CAUDAL FEST (20 e 21 setembro en Lugo)
A sexta edición do Caudal Fest trae a Lugo artistas de corte indie como Mikel Izal, Viva Suecia, Arde Bogotá, Ginebras, Nil Moliner ou Carlos Sadness.