REVISTA ABRIL

Xa podes comezar a planificar a túa axenda de festivais para o 2019

Algúns dos principais festivais galegos están a desgranar pouco a pouco o que será o seu cartel o próximo verán de 2019. Entre os artistas que poderemos ver para o ano estarán Andrés Calamaro, Novedades Carminha, Slipknot, Morgan, Love of Lesbian, Slayer, Zoo, Zahara ou Madness.

Imaxe dunha das actuacións durante o Son do Camiño deste ano | Pablo V.

Non é nada novo os vigueses e viguesas somos xente de música, polo que seguro a maioría de nós estamos pendentes das confirmacións dos distintos festivais galegos. Ao longo destas semanas algúns deles foron desvelando parte dos seus respectivos carteis, en maior o menor medida.

Comezamos polo PortAmérica, que é o que máis confirmacións nos están a brindar na nosa provincia. Máis de 20 artistas confirmados que se reunirán en Caldas de Reis os días 4, 5 e 6 de xullo. Algúns dos nomes máis destacados son Andrés Calamaro (que volve ao festival despois da cancelación do 2014), Madness, Rozalén, Morgan, Carlos Sadness, La Casa Azul, Zahara, Depedro, Mon Laferte, Sidecars, Carolina Durante ou os vigueses Presumido. A axencia viguesa Emerarte segue a apostar por un formato de festival diferente, no que tamén teñen cabida a gastronomía de primeiro nivel e a concienciación medioambiental (“Una entrada, un árbol”).

REVISTA ABRIL

Decenas de confirmacións, pero neste caso en Viveiro (Lugo), xa ten o Resurrection Fest (3-6 de xullo), o evento musical máis importante de Galicia. E como era de esperar, as bandas que alí estarán van facer as delicias dos afeccionados ao metal: Slipknot, Lamb of God, Slayer (na súa xira de despedida), Withim Temptation, Gojira, Millencolin, Arch Enemy, Trivium ou Parkway Drive.

Pola súa banda o Atlantic Fest confirmou a Love of Lesbian, que poderemos ver antes, o próximo 19 de xaneiro, no Teatro García Barbón co seu espectáculo Espejos y Espejismos. No caso do festival da Illa de Arousa, a banda catalana actuará o 27 de xullo acompañada por un trío de ventos, percusión, vibráfono e steel guitar.

Outro festival que só ten unha confirmación, pero tamén de nivel, é o Vive Nigrán (19 e 20 de xullo). A banda en cuestión é a santiaguesa Novedades Carminha, que veñen de sacar un single con Dellafuente e proximamente sacarán un novos disco ao mercado. Máis ao norte, en Bueu, o Sonrías Baixas (1-3 de agosto) ten confirmadas ás bandas Zoo e Zea Mays. Nos próximos meses iremos coñecendo máis confirmacións destes festivais e doutros moitos como O Son do Camiño (no que actuarán os suecos The Hives, aínda sen confirmación oficial), Revenidas, Morrasound, Festival Noroeste, Ribeira Sacra Festival ou o Festival da Luz.