VIALIA
bannerPicnicSesions

Guía festivaleira para este verán

O verán está á volta da esquina, o cal implica que multitude de festivais están agardando por nós con boa música e bo ambiente. Deixámosvos unha lista dos eventos imprescindibles para gozar da mellor música en directo nos próximos meses.

A banda Morgan actuando no Vigo SeaFest en 2018 | P. Vázquez

PORTAMÉRICA (Portas, Caldas de Reis; 2-4 xuño)

O encargado de abrir esta tempada festivaleira é o PortAmérica, que repite a ubicación da última edición. Nesta, xa coa nova normalidade instaurada (e agardemos que con mellor climatoloxía), gozaremos de gastronomía de primeiro nivel e de artistas como Nathy Peluso, Lori Meyers, Bizarrap, Wos, Rojuu, Delaporte, Baiuca, Rozalén ou Xoel López.

VIGO SEAFEST (As Avenidas, Vigo; 7-10 xullo)

Tras varios anos de ausencia, por fin volve o Vigo SeaFest, unha interesante proposta urbana que mestura música, gastronomía e mar nun espazo recentemente rehabilitado como é o paseo das Avenidas. Aínda están por coñecer os detalles, pero o feito de que volva a celebrarse xa é unha gran nova para a cidade.

THE WILD (Parque Forestal de San Miguel de Oia; 8-10 xullo)

Natureza, deporte, cinema, mercado e música en vivo son os piares deste evento que non deixa de medrar ano tras ano. No aspecto musical, o cartel é do máis variado: desde o rock más clásico de Corizonas e Aurora & The Betrayers a propostas folclóricas como A Roda, pasando pola música urbana de Boyanka Kostova e a mestura de soul e hip hop con Wöyza & The Galician Messengers.

VIVE NIGRÁN (Campo de fútbol de Monte Lourido, Nigrán; 15-17 xullo)

O mellor evento que podes ver no campo de fútbol de Monte Lourido non é ningún partido, se non o Vive Nigrán, que este ano volve cunha proposta que cubre un amplo abanico de gustos e de públicos: Rigoberta Bandini, Iván Ferreiro, Miguel Ríos, Niña Polaca, La Bien Querida…

ATLANTIC FEST (Vilagarcía de Arousa; 15-17 xullo)

Moito ollo co cartel que teñen preparado para esta nova edición do Atlantic Fest: Andrés Calamaro, Quique González, Izal, La Casa Azul, Los Planetas, Fangoria, Rojuu, Maria Arnall i Marcel Bagés… A isto súmalle o fermoso entorno no que se realiza o festival e o seu ambiente familiar.

ARMADIÑA ROCK (Combarro; 26-28 agosto)

Unha das vilas máis bonitas do Estado acolle este festival con preferencia pola música galega e polo punk rock. Desakato, La Quinkillada, Rebeliom do Inframundo, O Cadelo Lunático, Sheila Patricia ou Fondo Norte son algúns dos nomes que nos farán vibrar ao longo de dúas xornadas.

BARBEIRA SEASON FEST (Baiona, 31 agosto – 4 setembro)

REVISTA ABRIL

A edición máis ambiciosa do Barbeira amplía días, propostas e calidade dos artistas. Baixo a dirección artística de Pablo Novoa atopamos nomes tan atractivos como Leon Benavente, Zahara, Carolina Durante, Maika Makovski, Bala, La Habitación Roja e algunha que outra sorpres que está por vir. Se queres aforrar 5€ no prezo do abono, introduce o código AMOVIDA á hora de mercalo na súa web.

PICNIC SESIÓNS (Saiáns, 10 setembro)

Para pechar o verán nace un novo festival, que ao longo do ano veu facendo pequenos eventos os domingos para conseguir financiación e darse a coñecer. Natureza, cultura e comunidade van da man nesta iniciativa que programará sobre todo música local, con variedade de xéneros que van desde o folk ata o rock ou o soul. Haberá actividades para a cativada, picada de vinilos, comida galega ao puro estilo romaría e un certame de pintura ao aire libre.