Así será a Xacobeo Wild Race, un desafío deportivo na natureza
A carreira de obstáculos Xacobeo Wild Race terá un percorrido de 8 km e 35 obstáculos naturais dispostos para ofrecer unha competición emocionante, que formente a conexión entre os participantes e destes coa natureza. Celébrase o próximo domingo 5 de setembro, dentro da programación do The Wild Fest e as inscricións están abertas ata este domingo, 29 de agosto.
Esta mañá presentouse no merendeiro do Parque Forestal de San Miguel de Oia a Xacobeo Wild Race, a OCR que se celebrará o vindeiro domingo 5 de setembro no mesmo emprazamento e para a que o festival conta co apoio da Xunta de Galicia e o programa Xacobeo 2021. Durante a presentación realizouse unha pequena demostración con algúns dos obstáculos cos que contará a proba.
Será o segundo ano que The Wild Fest celebre este evento deportivo que xa se converteu nun dos buques insignia do festival. A OCR, ou carreira de obstáculos, válese dos recursos naturalmente dispostos para propoñer retos e engadir dificultade ao percorrido de 8 km. Para facela aínda máis completa e espectacular a competición foi creada collendo elementos doutras disciplinas, como o Crosstraining, Strongman e Paleotrainig. En total serán 35 os desafíos que terán que salvar os atletas.
A inscrición para participar na carreira está aberta ata o domingo, 29 de agosto, a través da plataforma CC Norte na que os interesados poderán elixir entre varias modalidades. Na modalidade Wolf deberase participar na carreira en equipos de 4 persoas, polo que a estratexia, a confianza e o traballo de todos os integrantes será fundamental para conseguir chegar ata o final do percorrido. Doutra banda, a modalidade Raven é individual, aínda que os participantes terán a ocasión de decidir se queren ou non recibir axuda se teñen dificultades fronte a algún obstáculo. Neste momento hai xa máis de 150 persoas inscritas.
Paula Cermeño
Últimos posts de Paula Cermeño (ver todos)
- A quen queres ver en Castrelos en 2025? - 22 Novembro, 2024
- Beldade: cociña de autora en Tui - 22 Novembro, 2024
- Stoned at Pompeii, Compañía Ártika e Fran Sieira esta fin de semana en Vigo - 21 Novembro, 2024
- Batalla de bocatas en As Cunchas: ‘Friends’ ou ‘The Bear’? - 20 Novembro, 2024
- Sukha Funk evoluciona: máis vegano e a domicilio - 18 Novembro, 2024