CAMELIAS MASCOTAS

Arrecende, o novo local de almorzos e merendas saudables e riquiñas

Hai poucos meses abriu no entorno do Hospital Xeral a cafetería Arrecende, un local de almorzos e merendas ricas, saudables e conscientes. Desde o seu mostrador de doces, ata a tosta do mes, pasando polos bols do máis apetecible. A carta é corta, pero con opcións variadas, moitas delas saudables e unha sensibilidade innata para satisfacer a un gran número de comensais, con opcións para veganos e celíacos.

Facendo honra a tan sonoro nome, esta cafetería de apertura recente na zona do desaparecido Hospital Xeral desprende cheiro a galletas saíndo do forno e café acabado de moer. Begoña Martínez e Víctor Ronco son as persoas detrás deste proxecto hostaleiro. Querían abrir un local de almorzos e merendas centrados no produto, con variedade máis aló dos clásicos churros, croissant e torrada con manteiga e marmelada, pero no que non é preciso pegarnos unha fartada de tortitas para desfrutar dun almorzo ou un café a media tarde con amigos. Este equilibrio tan prudente é unha das claves do éxito de Arrecende que, malia acabar de abrir, salta a vista que é un dos locais con máis éxito do barrio.

“Os nosos tres piares son a calidade do produto, a calidade do café e un espazo luminoso e agradable”, resume a emprendedora baixo un letrero que di “Desayunos y meriendas riquiñas”. En Arrecende hai doces, pero tamén moitas opcións saudables, como o porridge de avea, o bol de açaí ou de iogur. As torradas son de pan de verdade de longa fermentación, “das de toda a vida, pero dándolles unha volta”, como a de queixo, compota de mazá e améndoas; a de humus, tomate seco e brotes; ou a de lacón, queixo de Arzúa e pemento moído, por nomear algunhas das máis demandadas. Queda clara a vocación por separarse dos brunch pomposos e sobrecalóricos, ofrecendo opcións tan sensatas como deliciosas nun espazo tranquilo.

REVISTA NOVEMBRO

Outro dos puntos fortes é a capacidade que teñen para adaptarse ás necesidades de celíacos e veganos; os primeiros poden respirar tranquilos, pois o local contan cun espazo da cociña exclusivo e instrumentos á parte para preparar as torradas de pan sen glute, minimizando o risco de contaminación cruzada. Un dos poucos lugares de Vigo nos que atopamos esta firme disposición. Os segundos atoparán moitas receitas sen produtos de orixe animal, ademais de poder solicitar a adaptación de case todos os pratos da carta á dieta vegana.

Rúa de Pizarro, 25
986 15 16 10
Facebook: arrecende.vigo
Instagram: @arrecende.vigo (Pode consultarse a carta nas súas stories destacadas.)
Horario:  L-V 9:30-13:30 e 17:30-20:30 | Mércores pechado | S-D e festivos 10:00-13:30

En Semana Santa abrirán de xoves a domingo de 10 a 13:30h

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.