REVISTA ABRIL

Moléculas saudables

Nas mondas das froitas, nas algas vermellas ou nas follas da mimosa hai compostos bioactivos con propiedades antioxidantes que se poden empregar en alimentación, cosmética ou medicina. O grupo EQ-2, dedicado á biomasa e ao desenvolvemento sostible no CINBIO (Centro de Investigacións Biomédicas da Universidade de Vigo), leva tres décadas investigando como obter biomoléculas desde os residuos agroalimentarios aos forestais, pasando polos de orixe mariña.

REVISTA ABRIL

Este é o caso da alga Sargassum muticum, unha invasora xaponesa que está a desprazar as especies autóctonas de Galicia. Agora, grazas ao grupo EQ-2, pasou a converterse nunha fonte de saúde: «Destas algas obtemos compostos antioxidantes e antitumorais», explica a investigadora Noelia Flórez. Porque os tecidos desta alga conteñen polisacáridos, compostos fenólicos, minerais, proteínas, ácidos graxos, esterois, carotenos e vitaminas. Algúns deles non se atopan noutras algas nin en fontes terrestres. «Tamén extraemos moléculas bioloxicamente activas da mimosa, que é unha especie de acacia e, polo tanto, unha planta invasora», asegura María Dolores Torres, outra científica do equipo EQ-2 que coordina a catedrática Herminia Domínguez, que ten a certificación de excelencia na Universidade de Vigo e de referencia para a Xunta de Galicia, ademais de recibir múltiples premios como recoñecemento á calidade das súas investigacións.

Os compostos naturais obtidos polo grupo EQ-2 extráense mediante procesos respectuosos co medio ambiente, por procedementos físicos (e non químicos). «Usamos un reactor que traballa baixo temperatura e presión», explica Torres. «Poderiamos equiparalo cunha ola a presión: poñemos en contacto a materia prima con auga e recuperamos biomoléculas activas presentes en froitas, verduras, algas, fungos, tubérculos… elementos que podemos atopar no día a día».

Así que, ata coa materia máis modesta, como restos de algas, refugallos de froitas e verduras ou con plantas invasoras, o grupo de investigación EQ-2 da Universidade de Vigo consegue extraer moléculas saudables para nos mellorar a vida.