CAMELIAS MASCOTAS

Amaro Ferreiro: “Hai que ter personalidade e facer a música que a un lle gusta”

Vigués, intrépido e cantautor. Influenciado por grandes grupos e o seu propio irmán, Iván Ferreiro. O 1 de agosto regalaranos a súa cálida voz compartindo cartel con Villanueva no ciclo de Solpores do Museo do Mar de Vigo. Unha cita case obrigada para compartir atardecer con dous dos grandes músicos que ten dado a nosa cidade.

Amaro Ferreiro | Foto Paula Marín

Ivonne e Tamara son os nomes que adoptáchedes ti e Iván naquel proxecto coñecido como As Ferreiro. As botas de menos sobre os escenarios?

Por unha banda é certo que non, xa que nos acompañan sempre, desde o primeiro día. Pero, doutra banda, é certo que si que me gustaría que algún día volvesen. Retomar algún concerto como aqueles sería algo moi bonito.

Tres artistas que che puideran influír á hora de compoñer?

Isto é moi difícil de dicir porque hai artistas dos que gustas moito pe­ro non te inflúen porque non van acorde co que compós e logo hai artistas que non che gustan tanto e que inflúen máis. Pero se tivese que dicir tres, a pesar de que é moi complicado escoller, serían The Smiths, que é o meu grupo favorito, Hombres G que era o grupo que escoitaba con nove anos e tamén me influíu moito Iván Ferreiro.

Se te dixeran de escoller unha canción ou banda coa que espertar todos os días da túa vida, sen poder cambiala, cal escollerías?

É moi difícil porque eu creo que acabaría odiándoa, pero se tivese que escoller unha diría que As prais desertas.

O xoves 1 de agosto vas tocar no ciclo Solpores do Museo, onde compartirás cartel con Villanueva. Que expectativas tes para este día? Compartiras algunha vez cartel con el?

Pois non, pero sei que é un gran músico entón ter esta oportunidade de poder escoitalo en directo faime moitísima ilusión. En canto a expectativas, só espero que sexa unha noite divertida e sobre todo que a xente o goce e o pase ben connosco. Ademais teño ganas de ensinar algunha das miñas cancións novas.

Isto quere dicir que hai álbum novo ao virar a esquina?

Si, estou a preparar o meu novo disco que sairá para o 2020 e que empezarei a gravar en estudo en setembro. É un proxecto novo e non vou negar que teño moitísimas ganas de gravar e sobre todo tocar.

Tes dous álbums, La ciudad de las agujas e Biólogo. Serías capaz de dicirme unha canción favorita de cada un?

De La ciudad de las agujas quedaría con Sentimentiras xa que sempre adoito tocala en directo. De Biólogo, gústame moito Enfermedad Estéreo e tamén Madam Mim.

Como ves a situación en España para os cantautores?

Creo que estamos nun bo momento a verdade, cada vez hai máis nivel musical e saen unha chea de artistas interesantes todo o tempo.

Nos últimos anos houbo un notable auxe dos festivais, sobre todo aquí en Galicia. Crees que é bo para que os músicos emerxentes poidan mostrar o seu traballo ou é un problema xa que poden etiquetar ao artista?

É difícil dicilo. Supoño que por unha banda está ben para os grupos que emerxen xa que lles serve de escaparate aínda que o seu caché sexa moi baixo… demasiado diría eu. En canto ao tema de se poden etiquetar aos artistas, eu quero pensar que non. É certo que ultimamente en España hai moitos que, ao meu parecer, soan un pouco parecido pero creo que isto non é problema dos festivais, senón de que os grupos non teñen personalidade. Na miña opinión hai que ter personalidade e facer a música que a un lle gusta.

Iván Ferreiro fixo un tributo a Golpes Bajos. Se tiveses a oportunidade de realizar un, a quen llo farías?

REVISTA NOVEMBRO

Xa fixen un tributo este ano, que poderedes escoitar en novembro e é ao gran Joan Manuel Serrat e o seu álbum Mediterráneo. Fixen de director artístico, escollendo a canción que ía máis acorde a cada artista que participou neste proxecto, é dicir, fun máis ben o ideólogo pero non participo tocando nese álbum.

Hai algún lugar no que te gustaría tocar e onde aínda non o fixeras?

O parque do Castro non estaría mal, no Miradoiro de Martín Códax.

(GMT+01:00) Museo do Mar

Amaro Ferreiro | Spotify
The following two tabs change content below.

Uxia Soliño

Iniciou os seus estudos na Filoloxía Hispánica na USC pero abandonouno cando se deu conta que a súa vocación era o mundo audiovisual. Estudando Comunicación Audiovisual na UBU e compatibiliza con UBURadio, onde dirixe e locuta Que me estás cantando. Escribiu o guion da curtametraxe 3:03 que foi galardoada a Mellor Curtametraxe de Ficción no Festival Creando 2019. Amante da fotografía, da radio, da música, dos seus e dos cans. De maior quere ser como Ángel Carmona ou Wilma Lorenzo aínda que se conforma con ser ela mesma, é fan da música e dos concertos improvisados na ducha.