Alberto Castrillo: “O máis emocionante é ver como adolescentes de hoxe en día se identifican con Tristana”
A adaptación para o teatro de ‘Tristana’, a emblemática novela de Galdós, represéntase o venres día 9 no Teatro García Barbón. Falamos con Alberto Castrillo-Ferrer, director da función, quen asegura que os problemas de Tristana (interpretada por Olivia Molina) son comparables aos das mulleres de hoxe en día.
Cómo xorde a idea de realizar unha montaxe sobre Tristana? Por qué elixiron esa obra de Galdós?
Eu non son a persoa máis axeitada para responder a esta cuestión, polo menos de maneira completa, xa que a iniciativa de montar Tristana é do noso autor e produtor Eduardo Galán. Non obstante, sei que foi pola gran resposta que tiveron os alumnos e alumnas de bacharelato tras ler a obra como exercicio escolar. Eduardo, profesor de literatura, deuse de conta do actual que resultaba o conflito de Tristana. Todo isto en combinación coas ganas de homenaxear a Galdós -probablemente tras Cervantes o máis ilustre novelista en castelán- fixeron o resto. A min chegoume a proposta xa pechada, pero teño que dicir que foi moi ilusiónante.
Cre que o que Galdós narra na súa obra ten vixencia na actualidade?
Absolutamente. O ser humano séntese moitas veces nun enorme conflito entre o que a sociedade impón e o que o corazón sente. Tristana é un gran exemplo de muller libre de corazón e presionada por moitas informacións contraditorias. Desgraciadamente todo isto ocorre actualmente. A “proba do algodón” témola cando asisten a obra adolescentes. É emocionante ver como se identifican con Tristana as rapazas por riba de todo.
“Tristana é unha gran feminista sen ser consciente”
A personaxe de Tristana pode comprenderse como un exemplo da necesidade da independencia da muller nunha sociedade falocéntrica…
Si. Coincido na palabra “necesidade”, xa que ela ten a necesidade de ser independente, de tomar as súas propias decisións. Non comprende –como nós non comprendemos- a razón da existencia de privilexios baseados na diferenza de sexos. Creo que é unha gran feminista sen ser consciente, pero iso é magnífico porque introduce o problema con inocencia pero cunha lóxica esmagadora.
Cal foi a maior preocupación para vostede no momento de adaptar a novela ás esixencias dun texto dramático? Algúns críticos viron nesta novela unha especie de adaptación do drama de Ibsen “Casa de Bonecas” (1879) á novela española.
Sempre é un problema adaptar unha novela á linguaxe teatral, non así á linguaxe cinematográfica que bebe da mesma fonte: a narración. O teatro camiña entre conflitos, por iso o que denominamos acción dramática é o interese continuado do espectador polo pensamento e reaccións dos personaxes. Sintetizar a novela nos seus puntos esenciais non foi sinxelo para o seu autor. Dende a posta en escena tamén realizáronse algunhas modificacións na estrutura porque a idea era converter a función no pensamento de Tristana; isto que semella moi complexo vese con facilidade sobre o escenario. A dramaturxia combina escenas e momentos xa que a confusión do personaxe lévalle a unha especie de bipolaridade. O público comprende este martirio, o conflito continuo dunha muller que sente algo distinto do que a sociedade lle impón.
“O público comprende o martirio desa muller que sente algo distinto do que a sociedade lle impón”
Como director da obra. Que foi o máis sinxelo e o máis complexo de xestionar?
O máis sinxelo foi o traballo cos actores e o intercambio de ideas co autor, todo o mundo remou cara á mesma dirección. Existiu un excelente ambiente creativo. Non lembro que foi o máis complexo, todo é complexo se o observas dende a óptica de quen non coñece o traballo dende dentro, pero ese é o noso traballo e a nosa paixón.
Cómo foi o proceso de selección do elenco?
Diverso. Olivia Molina xa aceptara a proposta antes de que eu chegase xa que é lóxico que antes de facer nada tes que ter a Tristana si trazas unha montaxe seria. Existiu unha gran complicidade con ela en relación á historia, os personaxes e o que se quería contar dende o primeiro momento. Alejandro Arestegui é como da casa, traballou coa produtora Secuencia 3 en moitas montaxes e tiña o perfil idóneo para o novo pintor Horacio. As personaxes que máis problemas ofreceron foron Saturna e Don Lope, houbo unha gran busca e ó final a sorte fixo que María Pujalte e Pere Ponce estiveran con nós. Este conxunto de catro actores foi fundamental para a creación sutil e delicada que necesitaba esta historia. Máis tarde entraron Diana Palazón e José Luis Ferrer a substituír a estes dous últimos e integráronse perfectamente. Tiven moita sorte cos actores.
Esta obra tráevos a Vigo. Pensan visitar outras cidades de Galicia?
Non temos en mente a xira pero agardamos e desexamos que si. Hai moita afección ó teatro en Galicia e estupendos teatros. É preciso engadir tamén que Galdós tiña unha relación sentimental e especial con Galicia.
“A nosa Tristana séntese preto para o espectador de hoxe e iso nótase en cada bolo”
Xa vimos adaptacións cinematográficas e a outras artes desta obra. Que hai nesta montaxe que non se vira antes?
Cando te enfrontas a unha gran obra, o único que se pretende é ser digno dela, representar o espírito do seu creador e transmitir a súa esencia e ideas. Pouco a pouco somos conscientes da nosa singularidade e que a función que temos ten moita forza en certos aspectos. Creo que as personaxes transmiten ben os seus conflitos, esa é a forza do teatro, falar do interior do ser humano. A nosa Tristana séntese preto para ó espectador de hoxe e iso nótase en cada bolo.
Pensouse xa na posibilidade de adaptar outra peza de Galdós no futuro?
Sería fantástico. Galdós é un Chéjov español, seguro que daría bos resultados teatrais calquera das súas novelas.
Últimos posts de David González (ver todos)
- Antonio García Teijeiro: “Ás crianzas gústalles a poesía. Quen lle teñen medo son os adultos” - 3 Xaneiro, 2022
- María Alonso: “A maioría da xente emigrada pasouno moi mal, pero non queren compartilo” - 27 Novembro, 2021
- Francisco Castro: “Debemos reivindicarnos como homes feministas” - 29 Outubro, 2021
- Elena Medel inaugura este venres o PoemaRia - 27 Xuño, 2018
- O reality show de Valle Inclán - 23 Xuño, 2018