Alberto Ardid, gañador do certame Plastika19
O pasado sábado 11 de xaneiro fíxose público o fallo do xurado da terceira edición do certame internacional de artes plásticas, organizado pola galería de arte Ap’ostrophe no que o vigués Alberto Ardid alzouse como gañador.
De entre os trinta seleccionados o artista vigués Alberto Ardid (1986) foi nomeado gañador do certame de arte PLÁSTIKA19 coa súa obra “Non Tocar”: unha instalación que incitou á interacción do espectador desde que foi colocada no Museo do Mar o 3 de decembro.
A obra vencedora é unha proxección de vídeo que fala a través dun texto, pedíndolle aos visitantes que acaben con ela. Alberto Ardid confirmounos que ninguén se atreve a cumprir as súplicas, pero sen dúbida a máis de algún planteóuselle a disxuntiva. Ese era o obxectivo, a reflexión dos visitantes do museo sobre a súa relación coa arte no ámbito das exposicións. Un humor fino e reflexivo, característico das obras do artista, impregnaba “Non tocar” que recibiu o recoñecemento do xurado formado por Carlos L. Bernárdez, Elena Bangueses, Paula Cabaleiro, Thomas Apostolou e Xulio Lago. Tamén acudiu á entrega dos premios o director xeral de Políticas Culturais da Xunta, Anxo Lorenzo.
Outorgáronse ademais dous accésits. O primeiro foi para a moañesa Yolanda Ríos e “Habitar as obsesións” na que os límites físicos dun xogo de naipes son desbordados ata invadir e modificar o espazo que o contén. O segundo accésit entregouse a agrupación Conjuntos Empáticos, formada por Sálvora Feliz, Marta Benito y Tomás Pineda que presentaron a obra ‘#estaesmiplaza’ coa que pretenden intervir o espazo urbano co obxectivo de poñer en valor lugares abandonados, esquecidos ou desaproveitados.
Os organizadores do concurso, Sara Perez Bello e Álvaro Rodríguez, fundadores da sala de arte Apo´strophe aproveitaron a ocasión para agradecer o Museo do Mar a súa colaboración ao acoller durante algo máis dun mes a exposición das trinta obras finalistas, e tamén pregaron por máis apoio institucional, necesario para manter unha iniciativa tan interesante para a cidade de Vigo.
Elena Álvarez
Últimos posts de Elena Álvarez (ver todos)
- ‘Afinidades selectivas’, Goethe, Chomski e oito artistas falan na Casa Galega da Cultura - 8 Febreiro, 2020
- O MARCO redescubre a Manuel Colmeiro - 25 Xaneiro, 2020
- Alberto Ardid, gañador do certame Plastika19 - 14 Xaneiro, 2020
- PLASTIKA 19, un certame de arte vigués con proxección internacional - 4 Xaneiro, 2020