REVISTA ABRIL

Rodrigo Rey, gañador do V Certame de Relatos Vigo Histórico

Hoxe, no que fora o antigo edificio do Concello, deuse a coñecer o fallo do xurado no V Certame de Relatos Vigo Histórico. Rodrigo Rey foi o gañador desta edición con Cara B, cuxo relato e outros tantos serán compilados no Relatos na Rúa V, un libro que se presentará a finais de ano.

Os gañadores do Certame posan co xurado, organizadores e patrocinadores

A Casa Galega da Cultura acolleu hoxe un evento no que se deron a coñecer os gañadores e accesit do V Certame de Relatos Vigo Histórico, promovido pola Editorial Elvira. Entre outros, ao acto acudiron Jacobo Buceta e Ledicia Costas en representación do resto do xurado, formado por Bieito Ledo, Antón Pulido, Concepción Varela, Patricia Meira, Noelia Otero, Julio Otero e presidido por Javier Romero, fundador da editorial.

Cunha participación similar á do ano anterior, este certame xa está totalmente consolidado na axenda cultural local, con relatos de numerosas partes de Galicia, España e do mundo, como Cuba, Chile ou Arxentina. Nesta edición o número de relatos en galego e as participantes mulleres aumentaron, o que supón unha gran nova. Nestes últimos 5 anos o Certame recibiu máis de 800 relatos con Vigo como protagonista, o que demostra que vivimos nunha “cidade poliédrica”, como di a escritora Ledicia Costas.

REVISTA ABRIL

As gañadoras dos catro accesit foron as primeiras en coñecerse: Raquel Pazos por Redeiras, Pilar Ortega por Vigófono, Ana Mª Fernández por Mar de pedra e Luz González por Utopía en patio de butacas. Cada unha delas recibirá 200€ a modo de recoñecemento pola súa gran labor literaria. O segundo premio foi para Alejandro Salse Batán coa súa obra Los flotantes, quen recibirá unha cantidade de 500€.

Por último, anunciose o gañador deste V Certame, que foi o pontevedrés Rodrigo Rey co relato Cara B, que se centra en todas esas persoas que viviron con moita, quizais demasiada, intensidade a Movida dos anos 80 e actualmente atópanse perdidos ou marxinados. Un retrato distinto á típica nostalxia de que os tempos pasados foron mellores que foi premiado con 1000€. A finais de ano realizarase o acto de entrega dos premios e a presentación do libro Relatos na Rúa V, formado cos relatos premiados e unha ampla escolleita dentro dos presentados).

Por último, Cristina Lago, presidenta da Fundación Igual Arte, expresou a satisfacción da súa fundación pola colaboración que se está a realizar coa Editorial Elvira, «que nos permitiu meternos dentro da cultura, algo que encaixa moi ben dentro da nosa filosofía. Dous dos nosos rapaces presentaron os seus escritos ao concurso e estamos todos moi emocionados coa súa participación. Con este tipo de iniciativas é cando de verdade se produce integración e inclusión, que moitas veces se fala de ela, pero sen ser real».