CAMELIAS MASCOTAS

África González: «Hai anos, as mellores informáticas eran mulleres»

Ata hai un ano, o rostro da doutora África González Fernández (Madrid, 1962) non nos resultaba familiar. Desde que a COVID-19 nos truncou a vida, a súa opinión é de interese xeral. E non é para menos, pois estamos ante unha das científicas máis destacadas do Estado no eido da inmunoloxía. Aínda que naceu en Madrid, leva 25 anos vivindo na nosa cidade e traballando na Universidade de Vigo. Recíbenos no CINBIO, o Centro de Investigacións Biomédicas, do que foi directora ata hai pouco.

O pasado 11 de febreiro, o CINBIO conmemorou o Día Internacional da Muller e da Nena na Ciencia. Por que é necesaria tal celebración?

Estase demostrando que cada vez hai menos nenas con ganas de entrar nos eidos das ciencias e as tecnoloxías. O futuro, queiramos ou non, pasa pola investigación, a innovación e todas as novas tecnoloxías da bioinformática, e vemos que as nenas non están interesadas en todo isto. A metade da poboación non pode estar fóra e mirar para outro lado, temos que involucrar a toda a sociedade, incluídas as nenas. Hai ben anos, as mellores informáticas eran mulleres, pero resulta que empezaron a perder interese no tema, quizais polo desenvolvemento da industria dos videoxogos, moitos deles moi agresivos, que talvez elas non percibían próximos.

En decembro fuches galardoada cos premios Executivas e Women CEO, que pretenden facer visible o labor das mulleres na ciencia, especialmente en postos directivos porque aínda custa que os nomes femininos a altos cargos.

Si, claramente, as estatísticas din iso. Estudan máis rapazas na maioría das carreiras, excepto nas que falabamos antes, pero hai menos mulleres que fan posdoutoramentos, menos mulleres profesoras, menos catedráticas e pouquísimas directoras de departamento, reitoras etc. Isto é algo que acontece en moitos países, non só en España. Hai moitos factores, non só se debe á maternidade. É certo que o tema da familia é moi importante, pero ten que haber algún outro factor que fai que ás mulleres non lles guste estar tan expostas, ao mellor non aceptan tan ben as críticas ou é un mundo pensado por homes e para homes, con reunións que ás veces duran ata altas horas, con moitas viaxes, con moito movemento, con moita responsabilidade.

Na túa experiencia particular, cres que tiveches algún obstáculo polo feito de ser muller?

Eu, no ámbito da ciencia, nunca notei que ninguén me parase os pés. Se eu fago unha boa investigación, publico, consigo financiamento… Sempre puiden levar a cabo o meu traballo. Tiven moita colaboración por parte do meu marido, con quen teño dous fillos. E puiden desenvolver a miña carreira. Pero tamén é certo que hai que propoñerse chegar, non hai que esperar a que ninguén che pase a man polo lombo nin que che dean folgos, ese camiño teno que facer unha mesma con convicción.

Es catedrática en Inmunoloxía. O coronavirus fixo que toda a poboación se interesase por este tema…

Creo que a palabra inmunoloxía case non se oíra nos medios ata hai pouco tempo. Antes a xente non se preocupaba. Estabamos nun territorio relativamente rico e non nos sentiamos vulnerables a estas pandemias. Como presidenta da Sociedade Española de Inmunoloxía (SEI) movinme rápido con todo o equipo para intentarmos chegar á poboación explicando as cousas. Fixemos documentos, como infografías con fotos fáciles de entender, para explicar como manter o sistema inmunolóxico forte ou como funcionaban os diferentes test diagnóstico. A min gustaríame que este esplendor se reflectise en máis formación en materia de inmunoloxía a todos os niveis, incluíndo centros de investigación, hospitais e universidades. Precisamos un centro nacional de inmunoloxía para estar mellor preparados.

Era previsible que aparecese un virus coma este, que paralizase o planeta?

A Organización Mundial da Saúde (OMS) xa estaba elaborando un plan en previsión de futuras pandemias. Pero cando os países occidentais detectan a expansión dun virus contaxioso pensan que é algo distante que non nos vai afectar ou que o vai facer dun modo moi leve. Ese é o problema. Que temos que aprender disto? Que somos vulnerables, que hai outros virus que son zoonoses, que están afectando a outros animais, como por exemplo os morcegos. Ao longo dos anos, coa globalización, fomos alterando o hábitat dos animais, achegámonos moito máis a eles e iso fai que esteamos máis próximos a microorganismos cos que antes non tiñamos contacto.

Falando dos efectos da globalización, pensas que deberiamos cambiar o modelo de vida?

Penso que esta situación ten que facernos recapacitar, pero son un pouco pesimista para pensar que isto nos poida levar a un cambio completo, porque entre outras cousas hai unha superpoboación tremenda. Deberiamos avogar polo autoconsumo, non ter que que mercar cousas no exterior, non só a nivel de produtos de alimentación senón en xeral, que poidamos autoabastecernos e que poidamos desenvolver as nosas propias industrias para as necesidades que teñamos. Dependemos tamén moito do lecer, das viaxes, das estancias… e iso tamén fai que a xente se mova constantemente dun sitio para outro, o que produce que os contaxios se incrementen.

África González nun dos corredores do CINBIO | P. Vázquez

Pensabamos que a vacina ía ser a solución para esta pandemia, pero xa se fala dunha cuarta vaga…

Si, pero iso é porque a xente aínda non está vacinada. Precisamos que se vacine moitísima máis xente. Inicialmente dicíase que tiñamos que estar vacinadas en torno a un 70 % das persoas. Pero se xa circulan cepas máis contaxiosas, como a británica, brasileira ou a surafricana, a porcentaxe de persoas vacinadas vai ter que ser maior. Non imos poder diminuír isto sen vacinas. Con campañas de vacinación moi rápidas, en Israel conseguiron diminuír entre un 33 e un 60 % os contaxios en moi pouco tempo.

Por que aquí non se fai o mesmo?

Creo que en Israel axiña se compraron moitas vacinas e estanas aplicando rapidamente. Uniuse todo o persoal sanitario, tanto de hospitais públicos como privados. E supoño que tamén os militares están axudando… Se eles o poden facer, nós tamén.

Hai algo que se está comunicando mal á poboación?

Hai algunhas cousas que igual non se explicaron ben. Falouse moito, por exemplo, de se as farmacéuticas gañaban moito con isto. Creo que é necesario aclarar que as empresas farmacéuticas non fan diñeiro coas vacinas. Poden facer diñeiro cotizando en bolsa cando anuncian que teñen unha vacina nova, pero non fan diñeiro coas vacinas. Facer unha vacina é un reto desde o punto de vista loxístico e produtivo, hai moi poucas empresas que as poidan facer, porque os criterios de control que se precisan son extremos, por iso se teñen que facer contratos público-privados, porque é algo que a nivel empresarial non interesa. Como se vai facer diñeiro con algo que se inocula unha ou dúas veces e xa está queda para sempre? Onde hai negocio é noutros sitios, en enfermidades crónicas para as que se requiren tratamentos constantes… Pero cando se conta algo en defensa das farmacéuticas, parece que hai negocio ou algún interese oculto.

Consideras que as medidas gobernamentais deberían ser máis duras?

Talvez a medida que se tiña que ter tomado era a de parar todos á vez. Cando a China pechou, todos pechados. Pero como se vía o problema de lonxe, non se tomou esa decisión. En España adoptáronse medidas extremas en contraste con outros países, como Alemaña ou Inglaterra. Baixouse a curva drasticamente, pero o que pasa é que ao volver abrir as fronteiras antes de tempo, o virus propágase co movemento e entra por todas as fendas que poida. Un virus respiratorio non se pode parar a menos que todo o mundo pare. Epidemiólogos expertos da OMS din que se neste momento de propagación viral fixeramos un confinamento de entre tres semanas e un mes, parello a unha campaña de vacinación masiva, diminuiriamos moito os contaxios en pouco tempo, como fixo Israel. Que temos poucas vacinas? Pois hai que ir por máis, pero ir aplicando as que temos, sen reservas.

Sen ser esta unha situación desexable, para unha persoa da túa profesión ten que ser interesante estar vivindo todo isto…

Sen dúbida. Eu vivín a época da sida, que foi moi dramática. Tardouse varios anos en coñecer o virus, tardáronse varios anos en desenvolver a primeira proba de diagnóstico e logo os fármacos… As vacinas aínda non se conseguiron e os tratamentos cronificaron os pacientes. Poden vivir ben, pero con tratamento continuo. Neste caso, nun tempo récord, en menos dun ano temos varias vacinas eficaces, tratamentos que axudan e a enfermidade, aínda que pode deixar secuelas, en principio non se cronifica. Está a ser un momento importante para min, e algo que lles poderei contar aos netos. É un momento moi dramático, por suposto, pero desde o punto de vista científico é un fito.

REVISTA NOVEMBRO

Tamara Novoa
Redactora xefa

Pablo Vázquez
Fotografía

[Esta entrevista foi publicada na revista A movida de marzo 2021 . Podes consultala na versión dixital ou facerte con ela de formar gratuíta nos nosos puntos de distribución. Se queres aproiar o noso proxecto e comezar a recibila na túa casa faite #AMOVIDALOVER ]

The following two tabs change content below.
Xornalista por vocación. Marchou a Londres estudar un master en Xornalismo Internacional e tras traballar varios anos en Barcelona nunha Asociación sen ánimo de lucro, decide volver ao seu Vigo natal. Na actualidade é unha das creadoras deste proxecto. O que lle permite desenvolver unha das tarefas polas que sinte maior paixón: contar historias relacionadas coa cultura e a movida da súa ben querida cidade olívica.