CASAACUNHA
Silvia Cachafeiro

Outra forma de ver África

A viguesa Silvia Cachafeiro, licenciada en filoloxía alemá e dirección de cinema, presenta a exposición fotográfica “De San Martín de Porres a Obout: 10 anos de Recover”, que se poderá visitar ata o sábado 9 na Sala II da Sede Afundación de Vigo.

Silvia Cachafeiro

Silvia Cachafeiro na mostra das súas fotografías | Pablo Vázquez

Que é o que leva a unha viguesa a pasar case un mes en Camerún sacando fotos en hospitais? Para Silvia Cachafeiro isto non é nada estraño, posto que ten pasado longos períodos de voluntariado en países como Birmania, Nepal ou India. Iso si, esta é a primeira vez que foi unicamente como fotógrafa, co cal “a mirada era outra,  tes que contar unha historia pero que tamén sexa estético”. Preguntada se volvería enrolarse nunha viaxe como esta, responde convencida que “mañá mesmo iría. De feito, se alguén quere que vaia sacar fotos a súa ONG, que mo diga!”

A exposición, titulada “De San Martín de Porres a Obout: 10 anos de Recover” tenta amosar a evolución do sistema sanitario camerunés grazas á Fundación Recover a través da comparativa destes dous lugares. “Ata agora, nunca tiven a oportunidade de ver como funcionaba o sistema sanitario dun país africano fóra das emerxencias, que é o que se ve na televisión”, comenta Silvia. “É interesantísimo velo para poder apreciar os cambios que están xurdindo en Camerún e en toda África, deixando atrás sistemas que estaban empobrecendo o país. Ver esta evolución entre os dous hospitais é unha boa mostra de como alí se pode xerar moito cambio a nivel económico e social”.

Banner A Movidiña

Aínda que moi feliz e orgullosa pola labor realizada, Silvia recoñece que non foi doado levar a cabo as fotografías: “É un contexto moi sensible. Dentro dun hospital hai moita xente enferma e non podes estar sacando fotos, é unha falta de respecto”. Ademais, tivo a sensación de que “os cameruneses non son moi amigos das fotos, desconfían de que as vaias utilizar cun fin económico. Tes que ter paciencia e mostrarlles moito respecto para que todo xurda dunha forma natural”.

A exposición, que visitará numerosas cidades do país nas próximas semanas,  está formada por 43 instantáneas que mesturan retrato e fotografía de rúa. Ademais, por ser a súa cidade natal, a autora estará presente todos os días na Sede Afundación para explicar a súa experiencia de primeira man aos visitantes e responder calquera dúbida.

As imaxes de Silvia tentan amosar unha mirada diferente da concepción que temos do continente africano, “que moitos o ven como se fose un só país, e non o é”, e darlle visibilidade ao fantástico traballo desta ONG, que está de 10º aniversario. A exposición pódese visitar ata o sábado 9, de 17.30 a 20.30, na Sala II da Sede Afundación.

(GMT+01:00) Sede Afundación

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.