VIALIA
bannerPicnicSesions

Os mellores anos da nosa vida

Sábado, 26 decembro de 1981, Cine Teatro Salesianos: Nacha Pop, Trenvigo, Mámoa (dúas sesións). Domingo, 27 decembro de 1981, Cine Teatro Salesianos: Trabalhadores do Comércio, Eseá, Siniestro Total (unha sesión). Aquilo era Nadal Rock, festival organizado por Bibiano Morón e Guardiola, un cantante de verbena de Cabral (da familia do bar El Músico, ao lado do cuartel de Barreiro). Polo medio andaba eu, non se sabía por que. Quero que consten eses nomes. Bibiano morreu e de Guardiola, un gran tipo, non volvín saber nada.

REVISTA ABRIL

Xa todo dera inicio e decatámonos de que non había ninguén na porta para controlar os tíckets dos que saían para comprar bebida. Púxenme eu. Sentíame fóra de lugar. Cortaba cada tícket e a xente fóra dáballe o seu a outro que aproveitaba par entrar sen pagar. Tanto me tiña. Eu, aínda con melenas, barba e bigote, só entrei nos camerinos para estar cos amigos de Siniestro. Había un ambiente case solemne. Só se me ocorreu dicirlle a Miguel que colgase a correa da guitarra máis baixa, tipo Ramones. Non me fixo caso e pasaron corenta anos. Coppini apareceu vestido como nunca o víramos. Foi un suceso. Non sabíamos que alí comezaban os mellores anos da nosa vida. Estabamos nunha inocencia absoluta. Así son as cousas que triunfan. Comezaba a puta movida; en realidade, a conquista popular do ocio.

Agora, na nova estación nodal de Vigo, as letras daqueles grupos están reproducidas en neon. Non sei se todas, pero as de Os Resentidos están no sitio máis frecuentado: os váteres. Para ben ou para mal, somos historia.

Antón Reixa
Artista