‘Afinidades selectivas’, Goethe, Chomski e oito artistas falan na Casa Galega da Cultura
Este xoves inaugurouse na Casa Galega da Cultura a edición número 11 da exposición Afinidades Selectivas, unha mostra anual que reúne a profesores e alumnos egresados da Facultade de Belas Artes de Pontevedra. A exposición permanecerá aberta ata o 15 de Marzo de 2020. (Fotos Pablo V.)
Nesta undécima edición de Afinidades Selectivas , co título Ideas verdes, incoloras dormen furiosamente, Chelo Matesanz, comisaria da mostra, propón un diálogo entre artistas e tamén entre obras, reflexionando sobre o ensino e a aprendizaxe da arte, sobre as regras e o uso que se fai delas. De aí o título da mostra: unha oración creada por Noam Chomski na súa obra Estruturas sintácticas (1957) como exemplo de estrutura gramaticalmente correcta pero sen significado aparente, e que, sen embargo, no mundo da arte podería chegar a ter múltiples interpretacións.
Tamén na arte existen regras que aprender, e que é necesario coñecer para, en moitas ocasións, transgredir na procura de respostas ou de novas preguntas, xerándose novos códigos nos que a falta de significados non é tal.
Catro profesores: Elena Lapeña, Teresa Pajares, Jesús Pastor e Juan Carlos Román dan a man a catro ex-alumnos: Enrique Lista, Blanca Nieves Lourés, Eva Quintero y Ventura A. Pérez, para construíren coas súas obras unha mostra gramaticalmente perfecta, e por suposto con moitos significados individuais e de conxunto.
Estes binomios profesor/ex-alumno xorden a partir das conexións creadas no seno da Facultade, e reflicten esas unións que non se xustifican por unha técnica ou unha maneira común de facer arte, senón coma algo similar ós elementos da Tabla Periódica química, que se organizan segundo as súas afinidades químicas. Este feito que utilizara o propio Goethe para titular a súa novela “Afinidades electivas”, serve tamén como xogo de palabras para nomear as sucesivas exposicións que Universidade e Concello organizan cada ano na Casa Galega da Cultura.
Alí poderemos ver os doce minuciosos e detallistas debuxos a tinta, en múltiples cores, de corpos celestes pertencentes a Elena Lapeña. Pola súa banda Enrique Lista fotografía e expón, de maneira delicada, accións súas relacionadas co debuxo, a liña e o seu corpo.
Teresa Pajares amósanos a importancia do papel como soporte da obra, e o color e a forma coma linguaxe fundamental. Blanca Nieves Lourés mostra tres pezas nas que traballa ca fragmentación e a reconstrución da propia materia artística. Jesús Pastor pon a lupa e fotografía o mínimo para convertelo en máximo, e Eva Quinteiro preséntanos dous esculturas de terra e raíces.
Juan Carlos Román, expón dúas pezas nas que fai un irónico xogo, en óleo e tamén en tinta china, con superposicións do retrato do Conde Duque de Olivares de Veláquez e a cara de Mariano Rajoy. A súa parella no binomio, Ventura A. Pérez, con moitas e pequenas formas xeométricas de cerámica, que resultan moi atraentes para os visitantes, comeza e cerra o recorrido da mostra que permanecerá aberta ó público ata o 15 de Marzo.
Elena Álvarez
Últimos posts de Elena Álvarez (ver todos)
- ‘Afinidades selectivas’, Goethe, Chomski e oito artistas falan na Casa Galega da Cultura - 8 Febreiro, 2020
- O MARCO redescubre a Manuel Colmeiro - 25 Xaneiro, 2020
- Alberto Ardid, gañador do certame Plastika19 - 14 Xaneiro, 2020
- PLASTIKA 19, un certame de arte vigués con proxección internacional - 4 Xaneiro, 2020