Actividade e diversión na Semana Santa dos cativos
O período de vacacións da Semana Santa supón unha boa ocasión para o lecer e o descanso. Sobre todo, para os nenos e as nenas, que deixan a rutina da escola e pasan a dispor de tempo libre dabondo para realizar diferentes actividades. A cidade non queda allea a esta circunstancia durante este período estival, pois desde o xoves 18 ata o domingo 21 de abril existen múltiples opcións para as e os máis cativos da familia.
Unha xincana, obradoiros infantís, a inauguración de Urban Planet, actividades no Museo do Mar, crear contos con dados … son soamente algunhas das opcións que existen en Vigo para as e os pequerrechos durante as vacacións de Semana Santa.
Os nenos e as nenas máis proclives ás historias de misterio teñen a oportunidade de exercer de detectives coa xincana do concurso do Centro Comercial aberto de Calvario. A partir das pistas que atoparán por esa zona e na Biblioteca Xosé Neira Vilas, deberán resolver unha serie de preguntas. Esta actividade poderase realizar todos os días do período de Semana Santa xa que o último día de participación é o 29 de abril.
O centro comercial Gran Vía de Vigo inaugura hoxe, ás 16:00 horas, o seu novo espazo de ocio e deporte. Trátase dun parque de saltos, de máis de 1.000 metros cadrados, ao que as 150 primeiras persoas entrarán gratis e, as demais, disfrutarán dunha promoción do 2×1. Así mesmo, o Club Infantil deste centro ofrecerá actividades para sorprender aos máis cativos coas “pascuas máis divertidas”.
Pola súa parte, dentro do ciclo de cine en familia, que organiza o Centro de Visitantes do Parque Nacional Illas Atlánticas de Galicia, proxectarase no Edificio Cambón, o sábado 20 de abril ás 12:00 horas, o filme “Valiant”. A trama da película xira arredor dunha pomba que desexa formar parte do Servizo Real de Pombas Mensaxeiras e que, para conseguilo, terá que lograr levar importantes mensaxes do exército británico, superando os obstáculos que se lle cruzan no camiño.
Como cociñaban na época romana? Como era a súa alimentación? A estas preguntas poderán contestar os nenos e as nenas de máis de oito anos co obradoiro, que se celebra no Centro Arqueolóxico de Salinae, “sabores de Roma”. Esta actividade desenvolverase o xoves 18 e venres 19 ás 12:00 horas e as inscricións deberanse facer no Museo do Mar. Igualmente, durante a fin de semana haberá unha visita guiada na que se dará a coñecer o mundo romano e, de forma máis concreta, sobre a salina da cidade. Unha salina mariña de evaporación solar conservada e musealizada do Imperio Romano.
Para seguir imaxinando e descubrindo escenas, o sábado 20 ás 18:30 horas a Casa do Libro prepara un obradoiro, dirixido a nenos e nenas de máis de catro anos, que ten como protagonista os dados crea contos; un xogo de narración e creatividade para disfrutar en familia.
Pola súa banda, o Centro Interactivo de Educación Ambiental de Afundación abre as súas portas o sábado 20 para que as familias poidan explorar contidos relacionados coa paisaxe de Galicia dun modo interactivo. Esta actividade farase a través do Sandbox, unha ferramenta didáctica de realidade aumentada, que permite realizar unha representación topográfica en tempo real.
Ata o 21 de abril o Instituto Ferial de Vigo (IFEVI) alberga abundantes diversións para as e os meniños de máis de dous anos: Pista de patinaxe, deslizador, inchables de esquivar obstáculos e un tren infantil. O recinto estará aberto pola mañá, dende as 11:00 horas ata as 14:00 horas e, pola tarde, dende as 16:00 horas ata as 20:00 horas.
Como non podía ser doutro xeito nunha cidade como Vigo, a auga salgada será tamén protagonista no tempo do lecer das familias con nenos e nenas de máis de tres anos; xa que o Museo do Mar de Galicia organiza durante toda a Semana Santa diferentes actividades para achegar os “tesouros” da ría e amosar como as e os profesionais lle dan de comer aos peixes. Ademais, o domingo 21, haberá unha visita guiada polas instalacións do museo.
O mesmo día 21, a Segunda Festa Miudiña ofrece a posibilidade de pasar unha xornada nun entorno natural. Ao longo dese día, haberá espazos infantís como “xogando miudiño”, no que se recrearán brinquedos tradicionais, ou “terra”, onde os cativos e as cativas disfrutarán de material natural para divertirse.
Aquí, pódese consultar máis información sobre estas actividades:
Eva M. Porto
Últimos posts de Eva M. Porto (ver todos)
- Pablo Rodríguez: «En Madrid vendeuse máis en galego que en castelán» - 11 Maio, 2020
- Ana Fontenla: «Hai moita calidade na literatura galega, creo que é unha bomba que vai estoupar» - 11 Maio, 2020
- Mónica Bernández e Miguel Lima: «O galego fai barrio e o barrio fai galegofalantes» - 11 Maio, 2020
- Miss Toxo, 50% haterismo e 50% feminismo - 16 Maio, 2019
- Coruxo Móvese pola inclusión - 7 Maio, 2019